Nova: Os museos galegos ábrense á cidadanía para festexar o seu día internacional
18/05/2017
Os museos galegos ábrense á cidadanía para festexar o seu día internacional
A Consellería de Cultura conmemora esta data con visitas guiadas, xogos tradicionais, música, teatro, exposicións, obradoiros e melloras na sinaléctica
A programación dos museos dependentes da Xunta pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2017.- Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia propoñen unha completa e diversa programación de actividades para convidar a todos os galegos e as galegas a celebrar o Día Internacional dos Museos, o 18 de maio, que este ano se presenta baixo o lema Museos e historias controvertidas: dicir o indicible nos museos.
No marco desta celebración, o Museo Centro Gaiás, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Massó de Bueu, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (Mapou), o Museo do Mar de Galicia, o Museo do Castro de Viladonga, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e mais o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) organizan múltiples propostas culturais co fin de lle achegar á cidadanía o patrimonio cultural que albergan dun xeito divulgativo e lúdico.
Xornadas de portas abertas e visitas guiadas, xogos tradicionais, espectáculos musicais, representacións teatrais, obradoiros, exposicións e mesmo melloras na sinaléctica que conduce a algúns destes centros son algunhas das principais propostas para o Día dos Museos. A programación conmemorativa do Día dos Museos pódese consultar para cada un dos centros na Axenda de Cultura https://www.cultura.gal/gl/axenda. Tamén se ofrece información específica das principais actividades no enlace https://www.cultura.gal/gl/ciclo/2010.
As actividades serán gratuítas para os asistentes.