Nova: O Museo Centro Gaiás festexa cinco anos da súa apertura cunha xornada lúdica

20/05/2017

O Museo Centro Gaiás festexa cinco anos da súa apertura cunha xornada lúdica

Xogos tradicionais, obradoiros, música e exposicións durante todo o día

O secretario xeral de Cultura reivindica esta institución como “potente plataforma para amosarlle ao mundo o mellor de Galicia no eido das artes e da cultura”

A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura aposta por un museo “aberto a toda a cidadanía” cunha programación dirixida a “un amplo abano de públicos”

O Museo Centro Gaiás celebra unha xornada de actividades lúdicas e culturais para festexar o Día dos Museos e para conmemorar os seus cinco anos de vida

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, reivindicou a programación desenvolvida polo Museo Centro Gaiás nunha xornada na que se conmemoran os cinco anos de apertura ao público desta institución. Rodeado do público que se achegou a participar no programa de actividades organizado con motivo do Día Internacional dos Museos, que a Cidade da Cultura agardou a esta fin de semana para celebrar, Anxo Lorenzo presentou este espazo como “unha potente plataforma para amosarlle ao mundo o mellor de Galicia no eido das artes e da cultura”.

O secretario xeral lembrou que, cando o Museo Centro Gaiás abriu as súas portas ao público no 2012, se pretendía dotar a Galicia dun “escaparate para proxectar os nosos creadores” e contar cunha “ferramenta para dialogar en pé de igualdade na escena contemporánea internacional”. “Vivimos en sociedades globais, saturadas de mensaxes, onde cómpre dispor de infraestruturas con capacidade de facernos visibles”, engadiu.

Nestes cinco anos, destacou que o museo colaborou con institucións tan relevantes como o MoMA de Nova York, o Victora & Albert de Londres, o Rijksmuseum de Ámsterdam, o Musée D’Orsay de París e o Museo do Prado en Madrid, entre outras moitas. “A confianza destes prestixiosos centros nun museo tan novo coma este acredita que se está a avanzar na dirección correcta, e que se está a traballar con elevados estándares de calidade e rigor profesional”, asegurou o secretario xeral.

Do mesmo xeito, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, apostou por consolidar un museo “aberto a toda a cidadanía”, que desenvolva “unha programación dirixida a un amplo abano de públicos”. “Reafirmamos a nosa vontade de situar o público á fronte das nosas prioridades”, subliñou.

Xornada lúdica

Ao longo deste sábado, centos de persoas achegáronse ao Museo Centro Gaiás para participar nunha xornada de actividades lúdicas, que tivo un dos seus momentos centrais no concerto de música electrónica de Delafé Dj Set, con ritmos de soul, funky, hip hop e indie, actuación que contou coa colaboración de Petroni.

O Museo alberga estes días unha exposición de carteis das exposicións e actividades máis destacadas organizadas ao longo destes cinco anos de funcionamento, desde Gallaecia Petrea, a primeira exposición que acolleu, ate a Da árbore á cadeira, a mostra que se pode visitar actualmente, pasando por concertos de artistas como Chick Corea, Noa ou Silvia Pérez Cruz, ou festivais como Escenas do cambio.

Os máis pequenos tiveron ocasión de gozar tamén nas áreas de xogos tradicionais instaladas no interior do museo, e de participar en obradoiros de papiroflexia, láser grafiti ou elaboración de robots de cartón.

Comparte