Nova: A Roda cumpre 40 anos de carreira musical dedicada á recuperación e difusión da canción tradicional galega

23/05/2017

A Roda cumpre 40 anos de carreira musical dedicada á recuperación e difusión da canción tradicional galega

O conselleiro de Cultura participou na presentación do disco conmemorativo das catro décadas do grupo

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na rolda de prensa de presentación do disco 40 anos máis, co que o grupo A Roda conmemora as súas catro décadas dunha carreira musical dedicada á recuperación e difusión da canción tradicional galega. O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia salientou o labor desenvolvido por esta formación, “sen o que moitas tradicións se terían perdido”, e agradeceu especialmente o seu traballo en prol da cultura e lingua propia de Galicia, da súa conservación e divulgación.

Román Rodríguez destacou tamén a capacidade de renovación do propio grupo, que ao longo da súa traxectoria foi incorporando composicións propias e musicando versos de grandes autores galegos, así como avanzando cara a profesionalización musical. Neste sentido, o conselleiro quixo lembrar o papel de todos os que integraron este grupo desde a súa creación, cun especial recordo para Fito Domínguez, que foi voz e imaxe do grupo durante 35 anos. O conselleiro de Cultura rematou desexando o maior dos éxitos a esta nova Roda para as próximas décadas.

No acto participaron tamén o director actual de A Roda, Alfredo Dourado; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; ademais dos membros que conforman o grupo na actualidade.

Patrimonio inmaterial
Nado en Vigo en 1977, A Roda é un dos grupos máis antigos e coñecidos, ademais de referente indiscutible da música galega de raíz, patrimonio inmaterial do noso pobo. O seu primeiro disco, A Roda, valeulles o Premio de Música da Fundación Premios da Crítica de Galicia en 1978, tras un gran éxito de vendas.

O disco conmemorativo 40 anos máis ten como obxectivo homenaxear unha traxectoria de 17 discos no mercado, multitude de premios e actuacións ás dúas beiras do Atlántico; ao tempo que albisca un amplo futuro para que esta formación, renovada e profesionalizada, continúe traballando na descuberta do cancioneiro tradicional galego.

Comparte