Nova: A Xunta inicia os trámites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade

22/05/2017

A Xunta inicia os trámites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade

Os conselleiros de Medio Ambiente e Cultura e Educación, Beatriz Mato e Román Rodríguez, confirmaron o envío por parte do Executivo galego ao Ministerio de Cultura da documentación que ten por obxecto xustificar o valor universal e excepcional deste parque

De triunfar a candidatura, Galicia contaría por primeira vez cun ben natural como Patrimonio da Humanidade e sería o cuarto parque nacional español en formar parte da exclusiva lista da Unesco

Cómpre salientar que o parque superou durante o ano pasado a barreira dos 400.000 visitantes e só na última Semana Santa a afluencia ás catro illas incrementouse nun 122 por cento con respecto ao mesmo período en 2016

Vigo, 22 de maio de 2017.- A Xunta de Galicia inicia os trámites da candidatura do Parque Nacional das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade pola Unesco na categoría de ben natural. Así o anunciaron hoxe os conselleiros de Medio Ambiente e Educación e Cultura, Beatriz Mato e Román Rodríguez, no Centro de Visitantes do Parque Nacional Marítimo Terrestre en Vigo. A titular de Medio Ambiente explicou que o Executivo galego vén de enviar ao Ministerio de Cultura a documentación que ten por obxecto xustificar o valor universal excepcional deste parque.

Tal e como indicou Beatriz Mato, as compoñentes naturais e paisaxísticas de valor contrastado, así como a súa contorna “inigualable” para a contemplación e o gozar do medio natural, tanto na área costeira como na mariña; e a riqueza e diversidade dos ecosistemas submariños son algúns dos moitos valores que fan que este parque nacional cumpra cos criterios de selección establecidos polo Comité de Patrimonio Mundial.

Concretamente, o informe reflicte que este espazo natural cumpre catro dos dez criterios que o Comité establece para todo aspirante a formar parte da súa exclusiva lista, aínda que “basta un para poder presentar a candidatura”, matizou Beatriz Mato.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou o carácter “singular” da candidatura do Parque Nacional Illas Atlánticas, e confiou en que a súa inclusión na lista indicativa do Patrimonio da Humanidade sexa realidade “nun prazo razoable” posto que cumpre cos parámetros establecidos pola UNESCO. Segundo o conselleiro, a súa inclusión representaría un “reto importante” para toda Galicia e tamén para moitos concellos da cornixa Atlántica.

Ademais, subliñou que esta inclusión contribuiría a que a lista da Unesco sexa “equilibrada e representativa” xa que a día de hoxe menos do 20% da Lista Mundiais son sitios naturais. De feito España só conta con tres sitios naturais coa distinción de Ben Natural, que son Garajonay, Teide e Doñana, e un mixto (Monte Perdido), todos eles tamén en Parques Naturais.

O conselleiro deu conta do inicio do proceso para declarar as Illas Atlánticas como Ben Natural, que comezou coa remisión ao Ministerio de Educación, Cultura, e Deporte do formulario para a inclusión na lista indicativa española do Patrimonio Mundial, e que agora deberá ser debatido polo Consello de Patrimonio do Estado, no que están representadas as Comunidades Autónomas. Trátase -segundo Román Rodríguez- dun documento “sólido e ben fundamentado” levado a cabo polos técnicos da Consellería de Medio Ambiente en colaboración cos da Dirección Xeral do Patrimonio.

O Parque cumpre con catro criterios
Deste xeito, os catro criterios cos que cumpre o territorio proposto para ser Patrimonio Mundial da Unesco baséanse, fundamentalmente, na especial beleza natural e elevada importancia estética que o converten nun lugar privilexiado para a contemplación e goce do entorno natural, así como na riqueza e variedade do medio submariño, ideal para o desenvolvemento de actividades de observación tamén das comunidades florísticas e faunísticas subacuáticas; que o acreditan para o cumprimento do criterio sétimo establecido pola Comité de Patrimonio Mundial.

Ademais, a historia xeolóxica deste Parque Nacional, a súa xeomorfoloxía formada pola acción do vento, as ondas e o sal sobre as rochas, os depósitos areosos, como é o caso do sistema praia-barreira-lagoa constituído entre as illas de Monteagudo e Faro no Arquipélago de Cíes; así como os acantilados das Illas Ons e Cíes de enorme valor paisaxístico “permítennos afirmar que as Illas Atlánticas cumpren tamén co oitavo criterio fixado pola Unesco”, sinalou a conselleira.

Igualmente, o Parque Nacional das Illas Atlánticas cumpre co noveno criterio, que pon de relevo os procesos ecolóxicos e biolóxicos continuos e significativos para o desenvolvemento dos ecosistemas mariños, costeiros e terrestres e, por extensión, da flora e da fauna que viven neles. A produtividade das súas augas redunda nunha elevada diversidade de mamíferos, aves, tartarugas, peces e multitude de invertebrados. Deste xeito, neste enclave poden contabilizarse un total de 398 especies. No que respecta aos territorios emerxidos, as áreas costeiras, os acantilados e os sistemas dunares serven de refuxio a grandes colonias de cría de aves mariñas, alcanzando cifras superiores aos 20.000 individuos.

Por último, segundo asegurou Beatriz Mato, o territorio proposto cumpre o décimo criterio fixado pola Unesco, que fai referencia aos 32 tipos de hábitats de interese comunitario cos que conta o parque. Entre os diferentes tipos, destacan os identificados como prioritarios, posto que a súa conservación é de especial responsabilidade por parte dos Estados membros da Unión Europea. Estes hábitats son o Lago do Nenos, que se atopa en Cíes, ou as dunas costeiras fixas con vexetación herbácea e dunas fixas descalcificadas, cuxas mellores representación se localizan nos areais de Rodas e Muxieiro (Cíes), Melide (Ons), Bois, Zafra e Vionta (Sálvora).

O primeiro ben natural de Galicia na lista da Unesco
Así, o Parque Nacional das Illas Atlánticas xustifica a súa candidatura, que de triunfar, “Galicia contará por primeira vez cun ben natural na lista do Patrimonio Mundial, xa que os outros cinco xa declarados son bens culturais”, afirmou a conselleira de Medio Ambiente. Do mesmo xeito, converterase no cuarto Parque Nacional de España en pasar a formar parte da exclusiva lista da Unesco, despois do de Garajonay e Teide, en Canarias; e Doñana, en Andalucía.

Deste modo, “conscientes do importante paso que estamos a dar -dixo Beatriz Mato- entendemos que este novo camiño que hoxe se abre temos que recorrelo en conxunto e non en solitario, porque xa está demostrado que xuntos somos máis fortes e mellores”.

En cifras
Ademais, a conselleira de Medio Ambiente asegurou que isto é o resultado do esforzo e da aposta do Goberno da Xunta de Galicia por mellorar a proxección deste parque. Pobra diso son os preto de 9,5 millóns de euros investidos neste enclave desde o ano 2009.

Tamén hai que sumar o recoñecemento do que goza este espazo natural, que durante o pasado ano foi visitado por máis de 400.000 persoas. De feito, na última Semana Santa a afluencia ás catro illas incrementouse nun 122 por cento con respecto ao mesmo período en 2016.

“Trátase, polo tanto, dun turismo que crece, sempre desde un punto de vista sustentable”, engadiu a conselleira. “O Parque Nacional das Illas Atlánticas é a xoia do patrimonio natural galego. Seguiremos coidando desta xoia e seguirémola proxectando ao mundo”, concluíu Mato.

Neste senso, é importante salientar que a Xunta de Galicia puxo recentemente en marcha o Plan de Promoción e Posta en Valor do Patrimonio de Galicia, que identifica 16 espazos imán, dos que, por suposto, o Parque Nacional das Illas Atlánticas forma parte. Para o desenvolvemento desta iniciativa, a Xunta destinará un orzamento de catro millóns de euros nos vindeiros catro anos.

Comparte