Nova: María do Ceo presenta o seu primeiro proxecto infantil
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
06/06/2017
María do Ceo presenta o seu primeiro proxecto infantil
‘Cancións para nenas e nenos’, décimo terceiro traballo discográfico de María do Ceo, presentouse no Pazo de San Roque
Con prólogo de Xavier Casares, está dedicado a Xosé Neira Vilas e a Suso Vaamonde
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou hoxe ao mediodía a María do Ceo na presentación do primeiro proxecto musical infantil da artista, Cancións para nenas e nenos, que constitúe o décimo terceiro da súa carreira discográfica. “María do Ceo é unha ponte da lusofonía, que desde hai moitos anos conecta Galicia e Portugal e pon en valor a lingua propia de Galicia”, sinalou García Gómez durante a súa intervención, na que quixo destacar “un traballo que amosa moito coidado e agarimo polo idioma e que homenaxea a Xosé Neira Vilas, a Suso Vaamonde e a Carlos Casares”.
Prologado por Xavier Casares e ilustrado por Amalia López Brea, o libro-CD ofrece trece cancións infantís que versionan textos tan coñecidos dos autores nomeados como Gando galego, Trabalinguas polisémico, A galiña azul, Xesta doce, O cuco, Parabéns para ti, Bate a mar, Tres bolboretas, Babel, O inverno, Nana para arrolar e Nunha folla de salgueiro. María do Ceo acompáñase nel dos músicos Xosé Salgado e Álex Salgado.
Cancións para nenas e nenos, que autoedita a propia autora coas colaboracións, entroutras, de Bateamar S.L., Grupo Academia Postal, Adela e Tato, conta tamén co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.