Nova: O Circuíto Galego de Teatro Amador ofrecerá este ano máis de 60 funcións por toda Galicia

08/06/2017

O Circuíto Galego de Teatro Amador ofrecerá este ano máis de 60 funcións por toda Galicia

Na súa décimo primeira edición, o programa chegará desde mañá e ata o mes de outubro aos municipios de Antas de Ulla, Oleiros, Narón, Cuntis, Nigrán, O Grove, O carballiño, Monterroso, O Porriño, Vigo, Barbadás, Vedra e Ferrol

A Fegatea, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, promove esta iniciativa co fin de contribuír á dinamización cultural en todo o territorio a través dunha programación de teatro afeccionado diversa e de calidade en galego

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017.- O Circuíto Galego de Teatro Amador 2017  ofrecerá a partir de mañá e ata o 22 de outubro máis de 60 espectáculos nas catro provincias galegas, a cargo das compañías que conforman a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea).

 

A décimo primeira edición deste programa, promovido pola Fegatea co apoio da Secretaría Xeral de Cultura, bota a andar no municipio do Porriño cos espectáculos A rúa do inferno, de Axóuxere Teatro (día 9), Ás portas, de Paso Valverde (día 10); Cling, de Trécola Teatro (día 11); Encrucillada no camiño, de Atrezo Teatro (día 16), e O Principiño, tamén de Atrezo Teatro (o día 17). Todas as funcións terán lugar no Centro Cultural do Porriño, ás 20:30 horas, e a entrada é libre e gratuíta, ata completar a capacidade.

 

Próximas citas

A programación do Circuíto Galego de Teatro Amador retomarase no mes de xullo en Nigrán, os días 2, 7, 8 e 9. Xa en setembro chegará as municipios do Carballiño (do 2 ao 24), de Ferrol (do 9 ao 30 de setembro), de Monterroso (do 16 ao 24), de Vigo (en Comesaña, do 16 ao 30 de setembro, e en Valladares, do 7 ao 15 de outubro), de Narón (do 17 de setembro ao 1 de outubro), de Oleiros (do 17 de setembro ao 21 de outubro), de Antas de Ulla (do 17 de setembro ao 22 de outubro), de Vedra (do 29 de setembro ao 21 de outubro), do Grove (do 30 de setembro ao 21 de outubro), de Cuntis (do 30 de setembro ao 8 de outubro) e de Barbadás (do 30 de setembro ao 21 de outubro).

 

Axóuxere Teatro, O Aturuxo de Melpómene, Chumpá Teatro, Tiruleque Teatro, Porta Aberta, A.C.X. Enxebre, Falcatrueiros, Atrezo Teatro, O Transo Novo Teatro, Teatrino, Teatro Escoitade, Andaravía Teatro, Max Teatro e o Club de Lectores da Biblioteca de Antas de Ulla son os encargados de organizar a programación do circuíto nos 13 concellos que acollerán a programación deste ano.

 

XVI Festival Agustín Magán

Á programación do Circuíto Galego de Teatro Amador sumarase no mes de outubro o XVI Festival Agustín Magán, que amosará na capital de Galicia as últimas propostas escénicas dos grupos afeccionados federados das catro provincias galegas, con espectáculos no Teatro Principal e mais no Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego.

 

Actividades de formación

A actividade desenvolvida por Fegatea tamén inclúe unha liña de formación, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática, a través da que se programan diversos cursos de verán. A oferta deste ano inclúe un curso de dirección escénica e dramaturxia que será impartido, entre o 3 e o 7 de xullo, por Xavier Castiñeira e Esther Carrodeguas, e mais un curso de voz e mimo, do 10 ao 14 de xullo, a cargo dos profesores Fran Peleteiro e mais Alicia Corral.

 

Espazos para a reflexión

A federación tamén promove espazos para a reflexión como son as Xornadas de teatro afeccionado Fegatea, que este ano celebran na cidade da Coruña, do 15 ao 17 de setembro,  a súa décimo segunda edición. No marco desta iniciativa programarase o FETTA (Festival Transfronteirizo de Teatro Amador), no que participan a Federación de Castela e León xunto con representantes de teatro afeccionado de Portugal.

 

Máis de 50 compañías federadas

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic, vén colaborando coa Federación Galega de Teatro Afeccionado, que está composta na actualidade por 53 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, o que constitúe, nestes momentos, a maior estrutura teatral organizada e denota o interese dos grupos galegos en traballar nunha mesma dirección. Cada unha destas agrupacións contribúe coa dinamización sociocultural no conxunto do territorio e tamén nos seus respectivos concellos, a través dunha programación diversa e de calidade de teatro afeccionado en galego. 

Comparte