Nova: As xornadas académicas Da árbore á cadeira analizan o futuro do deseño do moble

08/06/2017

As xornadas académicas Da árbore á cadeira analizan o futuro do deseño do moble

Tomás Alonso, Elías Cueto, Luis Gil Pita e Xulio Turnes de Domohomo reflexionan na Cidade da Cultura sobre a innovación, a internacionalización e a tradición do deseño de mobiliario en Galicia

As xornadas finalizan mañá abordando o deseño desde o punto de vista da industria coa presenza do Clúster da Madeira, da formación coa EASD Mestre Mateo e da empresa con Martínez Otero
 

  • A Cidade da Cultura analiza o futuro do deseño do moble nas xornadas académicas ‘Da árbore á cadeira’ A Cidade da Cultura analiza o futuro do deseño do moble nas xornadas académicas ‘Da árbore á cadeira’

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017.- A Cidade da Cultura reúne hoxe no Museo Centro Gaiás a algúns dos máis importantes referentes do deseño industrial e de mobiliario actual no marco das Xornadas Académicas ‘Da árbore á cadeira’. No día dedicado ao deseño contemporáneo, a Cidade da Cultura conta co deseñador vigués Tomás Alonso, que traballou para marcas como Camper ou Ikea; os arquitectos Elías Cueto e Luis Gil Pita, colaboradores de premios nacionais de arquitectura Manuel Gallego Jorreto ou Guillermo Vázquez Consuegra; e Xulio Turnes, do estudio de arquitectura e deseño Domohomo.

No marco da mostra ‘Da árbore á cadeira’, que pode visitarse ata o 5 de novembro no Museo Centro Gaiás, a Cidade da Cultura celebra estas Xornadas Académicas nas que xestores culturais, deseñadores, artesáns, docentes e empresarios reflexionan ao longo de tres días sobre o potencial expositivo do sector do deseño e do moble en Galicia.

A internacionalización do deseño galego centrou a intervención de Tomás Alonso (Vigo, 1974), unha das figuras emerxentes do deseño industrial contemporáneo a nivel internacional. Boa conta do seu éxito fóra das nosas fronteiras son as cadeiras V&A que o visitante pode contemplar na mostra ‘Da árbore á cadeira’, un encargo do Victoria & Albert de Londres realizadas con madeira reciclada de teitos victorianos.

Luis Gil Pita, recoñecido polo seu traballo nos campos de rehabilitación tradicional, apostou por reflexionar sobre a tradición e a historia da fabricación do moble en Galicia; mentres que Xulio Turnes, arquitecto do estudo compostelán Domohomo, abordou a experimentación no deseño actual. A mañá completouse coa intervención de Elías Cueto, arquitecto e doutor pola ETSAC da Universidade da Coruña, e unha interesante charla que foi ‘Da artesanía á industria’, reflexións que plasmou nunha publicación do mesmo título e que repartiu entre os asistentes ás xornadas.

As sesións dedicadas ao deseño complétanse pola tarde coas intervencións do arquitecto Óscar Fuerte Dopico; o artesán Frank Bella Buschamann, do estudo Woodworks; e o estudo de deseño e comunicación Cenlitrosmetrocadrado.

As Xornadas Académicas ‘Da árbore á cadeira’ finalizan mañá coa presenza do sector da madeira a través de José Manuel Iglesias Vilas, presidente do Clúster da Madeira e o deseño en Galicia; das escolas de arte e deseño a través do relatorio de Óscar Aldonza, profesor da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; e da empresa, coa visión do sector a través da firma Martínez Otero.

Previamente, os participantes nas Xornadas Académicas introducíronse no proceso de elaboración dunha mostra como ‘Da árbore á cadeira’ cos relatorios do comisario e arquitecto Carlos Seoane, así como diversos integrantes do comité asesor como os biólogos Alfonso Bar ou Roxelio Pérez Moreira e os arquitectos Soledad Bugallo Touciño e Óscar Fuertes Dopico.

Comparte