Nova: O Premio Otero Pedrayo recoñece o labor dos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños

08/06/2017

O Premio Otero Pedrayo recoñece o labor dos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños

O xurado, no que participaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, ditaminou por unanimidade a concesión do galardón ex aequo

O Goberno galego e as catro deputacións provinciais promoven este premio, co fin de perpetuar a memoria de Otero Pedrayo e de recoñecer o labor de contribución á cultura e aos valores propios de Galicia
 

  • Asciclo Manzano. Foto do web da Real Academia de Belas Artes
  • Manuel Buciños. Foto do web da Real Academia de Belas Artes
  • Xurado do Premio Otero Pedrayo Xurado do Premio Otero Pedrayo
  • Xurado do Premio Otero Pedrayo Xurado do Premio Otero Pedrayo

Ourense, 8 de xuño de 2017.- O Premio Otero Pedrayo 2016 recoñece a contribución á cultura galega dos escultores Acisclo Manzano e Manuel Buciños, segundo decidiuvo xurado deste galardón promovido pola Xunta de Galicia e polas catro deputacións provinciais galegas, e que está dotado con 16.000 euros. Presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, por delegación do presidente da Xunta de Galicia, o xurado ditaminou concederlles por unanimidade o premio ex aequo aos dous creadores.

Convocado na edición de 2016 pola Deputación de Ourense, o galardón instaurouse en 1977 co fin de perpetuar e honrar a memoria de Otero Pedrayo, recoñecer o labor de contribución eminente á cultura e promover os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e á mellora da súa cidadanía e institucións.

De acordo con estes obxectivos, a acta do xurado, que recolle integramente a proposta da Deputación Provincial de Ourense, sinala que son abondosos os méritos que concorren en Manuel García Vázquez (Buciños, Carballedo, 1938) e Acisclo Rogelio Manzano Freire (Ourense, 1940), escultores de sona internacional, presentes e recoñecidos polas súas obras en coleccións públicas e privadas dos principais museos e centros artísticos de Galicia, de España, de Europa, de América e mesmo de Asia. Destaca tamén a acta o labor que desenvolveron ao longo de máis dunha década no mesmo taller, en Ourense, onde forxaron unha colaboración e unha amizade que perdurou ata a actualidade.

Creacións singulares e de estilos diferentes

Membros da chamada Xeración dos Artistiñas, ambos foron amigos de don Ramón Otero Pedrayo, de quen, segundo recolle a acta, recibiron gabanciosas críticas, visibles nos catálogos das exposicións e nas colaboracións de Otero na prensa. Tamén se alega que Acisclo e Buciños honraron a todos os membros do grupo Nós, con creacións singulares e de estilos moi diferentes, pero cun común denominador da fonda marca que esta xeración, anterior á guerra civil, abriu á arte galega. Buciños, co seu emblemático monumento en bronce a Otero Pedrayo, actualmente na ourensá Praza do Correxidor, e Acisclo en varias obras públicas de grande tamaño, captaron a mensaxe de Otero Pedrayo, dándolle plasticidade á súa figura patriarcal e transmitindo a súa palabra.

A acta subliña, así mesmo, que a forza e o pulo que Acisclo e Buciños teñen derramado a mans cheas no seu labor de décadas, a presenza de Otero Pedrayo na súa obra e unha entrega total a Galicia e á súa cultura, como artistas plásticos, son motivos máis que abondosos para premiar a ambos os dous.

Xurado do Premio Otero Predrayo 2016

O xurado estivo presidido polo secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia e actuou como vicepresidente Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Participaron como vogais Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Xosé Leal Fariña, deputado delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval Soto, presidente da Comisión de Cultura da Deputación de Ourense; Carme Silva Domínguez, vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, en representación da Universidade de Santiago; Susana Reboreda Morillo, da Facultade de Historia do Campus de Ourense, en representación da Universidade de Vigo; Manuel Ferreiro Fernández, da Facultade de Filoloxía, en representación da Universidade da Coruña; Pablo Otero Piñeyro Maseda, en representación do Instituto “Padre Sarmiento”; Felipe Ferreiro Feijóo, designado pola Xunta de Galicia como autoridade científica e literaria; Luis González Tosar, designado pola Deputación de Ourense como autoridade científica e literaria; Primitivo Iglesias Sierra, designado pola Deputación de Lugo como autoridade científica e literaria; Carme Fernández-Pérez Sanjulián, designada pola Deputación de Pontevedra como autoridade científica e literaria; e Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo Provincial de Pontevedra, como autoridade científica e literaria. Actuou como secretario do xurado Francisco Cacharro Gosende, secretario xeral da Deputación de Ourense.
 

Comparte