Nova: Unha exposición recupera a figura do primeiro arquiveiro do Arquivo Xeral e Público de Galicia
09/06/2017
Unha exposición recupera a figura do primeiro arquiveiro do Arquivo Xeral e Público de Galicia
O Arquivo de Galicia abre as portas da mostra documental ‘Vicente Álvarez de Neira, arquiveiro (1717-1784)’ no Día Internacional dos Arquivos
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2017.- A xornada do Día Internacional dos Arquivos comezou esta mañá na Cidade da Cultura coa inauguración da mostra documental Vicente Álvarez de Neira, arquiveiro (1717-1784), unha exposición coa que o Arquivo de Galicia recupera a figura do que foi o primeiro arquiveiro do Arquivo Xeral e Público de Galicia.
“Hoxe recuperamos os valores que guiaron o labor de Álvarez de Neira con esta mostra na que podemos ver algúns dos seus documentos, integrados no arquivo da familia Pita da Veiga”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de presentación, no que tamén participaron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e as subdirectoras xerais de Arquivos e de Bibliotecas, Marina García e Cristina Rubal, respectivamente.
“Non é a primeira vez –recordou Anxo Lorenzo– que subliñamos a importancia dos arquivos privados, pola información que nos ofrecen da sociedade que os produciu”. “Sabemos que moitos deses arquivos conteñen información de grande interese á que non é posible ter acceso a través dos documentos públicos e, afortunadamente, cada vez tense máis conciencia da súa importancia”, dixo. Finalmente, salientou o imprescindible labor de custodia, difusión e conservación que leva a cabo o persoal dos arquivos, a prol do patrimonio documental galego.
Un percorrido biográfico a través dos documentos
Un conxunto de 26 documentos e varios obxectos distribuídos en seis vitrinas conforman a mostra, que se poderá ver ata o próximo 7 de setembro no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia do Gaiás. Nela realízase un breve percorrido pola biografía profesional do lucense Vicente Álvarez de Neira, con especial incidencia na súa participación directa nalgúns feitos históricos desde a súa condición de avogado, asesor de varias institucións, tenente de corrixidor da Coruña, deputado e arquiveiro.
Interese pola creación dun arquivo público
Os documentos que se exhiben na mostra, e que forman parte do arquivo da familia Pita da Veiga, custodiado no Arquivo de Galicia, dan conta da atención que Álvarez de Neira mostrou pola creación dun arquivo público que conservase e dese acceso a documentos públicos que estaban en proceso de desaparecer. Tamén revelan as circunstancias nas que se explotou en exclusividade o pau de tinte de Campeche, na península de Iucatán (México); o preito que durante case 100 anos ocupa a Xunta Xeral do Reino de Galicia polo abastecemento e mantemento dunha escuadra para a defensa das costas galegas; a supervisión do proceso de expulsión dos xesuítas co Colexio de Monterrei; e a defensa do marqués de Valladares na acusación polo asasinato do seu pai.
Vicente Álvarez de Neira
Vicente Álvarez de Neira naceu en Neira de Xusá (actualmente Baralla, Lugo) o 27 de no¬vembro do ano 1717. Exerceu de avogado (título que obtivo en 1740) na Coruña, onde promoveu a creación do Colexio de Avogados da Real Audiencia, do que foi decano en 1763. Foi avo¬gado, entre outros, do bispo de Tui, do Cabido da Colexiata da Coruña, do deán e do Cabido de Santiago e da Xunta Xeral do Reino de Galicia, asemblea que actuaba como órgano interme¬dio entre as autonomías locais, representadas polas sete cida¬des capitais de provincia (Santiago, Betanzos, Lugo, Mondoñe¬do, Ourense, A Coruña e Tui) e o poder real.
Foi tamén asesor de Mariña, tenente de corrixidor da Coruña e deputado en 1764. En 1775, foi nomeado o primeiro arquivei¬ro do Arquivo Xeral e Público de Galicia, en cuxas instalacións faleceu o 5 de xuño de 1784.
Propostas para celebrar o Día dos Arquivos
Esta exposición sobre Álvarez de Neira é unha das iniciativas coas que os arquivos de xestión autonómica celebran esta semana o Día Internacional dos Arquivos. Xornadas de portas abertas, visitas guiadas, obradoiros e conferencias son outras das propostas que se realizan nesta data para lle achegar á cidadanía os arquivos.
A programación completa pode consultarse na web de Cultura, a través da Axenda de Cultura de Galicia: https://www.cultura.gal/gl/axenda