Nova: A Fundación RAC divulga nun catálogo a obra do artista vigués Marcos Covelo
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
12/06/2017
A Fundación RAC divulga nun catálogo a obra do artista vigués Marcos Covelo
A publicación conta co apoio de Cultura é o resultado do proxecto ‘The answers are blowin’ in the wind’ do creador vigués
Pontevedra, 12 de xuño de 2017.- A publicación The answers are blowin’ in the wind indaga na obra do artista Marcos Covelo a partir da instalación do mesmo nome que o creador vigués exhibiu na Fundación Rosón Arte Contemporáneo, en Pontevedra, en 2015. A entidade presentou esta tarde o catálogo, editado coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que fai un percorrido pola evolución do traballo do artista a partir das obras que conformaron a exposición.
“O catálogo que hoxe presentamos ten un valor engadido de testemuña e de plasmación do concepto total da mostra The answers are blowin’in the wind, no sentido de que, unha vez rematada a exposición, esta edición en papel contribúe a prolongar a proposta dunha maneira bastante completa”. Así o afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que acompañou o artista Marcos Covelo no acto de presentación, xunto co presidente da Fundación RAC, Carlos Rosón, e mais Nono Bandera, Francisco Porto, Ignacio Pérez e Javier Tudela, autores dos textos do libro.
Proxectar a creación artística galega
“Desde a Secretaría Xeral de Cultura –explicou Anxo Lorenzo– e, cada vez máis, tamén desde a Axencia Galega das Industrias Culturais procuramos favorecer a proxección da creación artística galega desde a perspectiva dun sistema no que interveñen moitos axentes imprescindibles no desenvolvemento da arte”. Ao fío disto, afirmou que, “hoxe, afortunadamente, existe unha variedade de espazos expositivos nos que dar cabida a propostas artísticas moi diversas”, ao tempo que se referiu ao labor da Fundación RAC como “unha ventá aberta, mesmo para artistas emerxentes e cun programa propio de residencias”.
Un gran lenzo desfragmentado
The answers are blowin’ in the wind é un proxecto con reminiscencias cara á pintura tradicional e cun transfondo irónico do imaxinario actual. Nel, Marcos Covelo continúa indagando nos límites da pintura contemporánea mediante un gran lenzo desfragmentado. A superposición de planos en diálogo continuo coa arquitectura do espazo dá como resultado un xogo de diferentes perspectivas, nas que o propio espectador crea diferentes encadres ao longo do percorrido. O artista vigués parte neste proxecto da utilización de varias estratexias creativas relacionadas coa apropiación, a posproducción e a xuxtaposición de elementos.
Marcos Covelo
Marcos Covelo (Vigo, 1985) licénciase na Facultade de Belas Artes de Barcelona en 2010 e completa a súa formación no mestrado Arte Contemporáneo. Creación e Investigación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (2011). En 2007 obtén unha bolsa Erasmus para estudar na University Art&Design de Coventry en Inglaterra, que lle permite viaxar a Hongzou (China) para participar no intercambio cultural Media Art&Production. En 2009, obtén o terceiro premio no VIII Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense e, ao ano seguinte, a bolsa Novos Valores da Deputación de Pontevedra.
Entre as súas exposicións destacan proxectos como TFM # 0, na Fundación RAC; Afinidades Selectivas 5, na Casa Galega da Cultura de Vigo; e Friction! Show, no HomeBase LAB en Berlín. A súa primeira mostra individual foi Ceci n’est pas un mur, na Sala Alterarte de Ourense 2014, á que seguiu The answers are blowin’in the wind, na Fundación RAC, Pontevedra 2015.