Nova: Cristina Garrido, Ángela Fontecoba e Katia Tojo reciben o premio Andersen hoxe
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
15/06/2017
Cristina Garrido, Ángela Fontecoba e Katia Tojo reciben o premio Andersen hoxe
Os seus traballos foron seleccionados entre as máis de 174 propostas que concorreron este ano ao certame, promovido pola OEPLI a través da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, co apoio de Cultura
Cambre (A Coruña), 15 de xuño de 2017.- Cristina Garrido Váquez, Ángela Fontecoba Fernández e Katia Tojo Soto recibiron o premio Andersen Hoxe 2017, co que foron galardoadas nas categorías de primeiros lectores, lectores avanzados e superlectores, respectivamente. A Biblioteca Pública Municipal Os Templarios de Cambre acolleu o acto de entrega do certame, convocado pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil con motivo do Día Internacioal do Libro Infantil e Xuvenil e promovido en Galicia a través da Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil (Gálix), co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
As obras presentadas ao concurso consistiron na elaboración dun debuxo baseado nalgún dos contos de Hans Christian Andersen, acompañado dun texto. En relación ao autor danés, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, recordou que “o escritor lles deu vida a moitos dos contos cos que nos fomos inciando na lectura distintas xeracións en todo o planeta e en todas as linguas do mundo”. “Foi o interese da súa obra –dixo– e a necesidade da sociedade de contar con historias que fosen accesibles para todos os públicos e adecuadas para os primeiros lectores o que lle valeu a sona”.
A “enorme riqueza” de imaxinar e crear
Nun acto no que participou o presesidente de Gálix e da OEPLI, Xosé A. Perozo, e representantes do Concello de Cambre, o secretario xeral tamén expresou o seu desexo de que “rapaces e rapazas como os que participan neste certame non deixen de ler nin de aproveitar a enorme riqueza que é a capacidade de imaxinar e de crear, sexa con debuxos ou sexa con palabras”.
Na edición de 2017, concorreron ao premio un total de 174 traballos, 43 máis que o pasado ano. Os nenos e nenas participaron a través das súas bibliotecas e centros educativos en tres categorías: primeiros lectores (de 1º a 3º de primaria), lectores avanzados (de 4º a 6º de primaria) e superlectores (de 1º e 2º de secundaria). As gañadoras en Galicia das dúas primeiras categorías participaron a través da Biblioteca Pública Municipal Os Templarios de Cambre, mentres que a galardoada na terceira categoría o fixo a través da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
Os traballos galardoados
As gañadoras do certame basearon as súas obras en diferentes contos clásicos de Andersen para ofrecer novas mensaxes. Cristina Garrido e Katia Tojo inspiraron os seus debuxos na obra A vendedora de mistos, a primeira para retratar o drama dos refuxiados e a segunda para representar a esperanza. Ángela Fontecoba optou polo conto O parrulo feo para chamar a atención sobre a necesidade de respectar o medio ambiente.