Nova: As Feiras do Libro de Galicia danlle a benvida ao verán en Ribeira
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
22/06/2017
As Feiras do Libro de Galicia danlle a benvida ao verán en Ribeira
O municipio coruñés acolle ata o 25 de xuño a súa terceira edición desta cita cultural, cos títulos editoriais máis recentes e diversas actividades arredor dos libros e da lectura
Ribeira (A Coruña), 22 de xuño de 2017.- As Feiras do Libro de Galicia chegan ao municipio de Ribeira. Ata o próximo 25 de xuño, a localidade coruñesa acollerá esta cita cos libros e coa lectura, promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, e co apoio dos concellos.
“As feiras do libro, que van sucedéndose ao longo destes meses por distintas localidades de Galicia, teñen a capacidade de transformar, polo menos parcialmente, a paisaxe da vila, o lugar do paseo, e de incorporar nela as páxinas dos libros”, afirmou durante o acto de inauguración o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que fixou como un obxectivo prioritario “lograr que os libros e a lectura formen parte do cotián da vida da xente”. Finalmente, “desexou que estas xornadas sexan de moita vida na rúa en Ribeira e, naturalmente, de moitas lecturas”.
Serafín Marcos foi o encargado de ler o pregón de apertura da feira, na que participarán ata o domingo autores e autoras como María Reimóndez, José Vicente Domínguez, Goretti Fariña, Amadeo Cobas, Antonio Tizón, David Proba e Ruth Villar. Ademais da presentación de obras e dos encontros cos escritores, a programación inclúe diversas actividades de dinamización da lectura dirixidas especialmente para o público máis novo, nas que non faltarán os monicreques e os contacontos.
A feira, que está instalada na praza do Concello, permanecerá aberta en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:30 a 22:30 horas, e, na fin de semana, de 12:00 a 14:30 horas.
Calendarios das Feiras do Libro
Logo do seu paso por Verín, por Ferrol, por Santiago de Compostela, polo Porriño, por Lugo, por Ourense e por Redondela, as próximas citas das Feiras do Libro Novo de Galicia 2017 realizaranse en Vigo, do 29 de xuño ao 8 de xullo; en Rianxo, do 20 ao 23 de xullo; en Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; e en Ponteareas, do 27 ao 30 dese mesmo mes. En agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival.
O calendario completo pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/axenda