Nova: Galiciana incorpora novos contidos sobre a prensa histórica galega

20/08/2014

Galiciana incorpora novos contidos sobre a prensa histórica galega

A colección completa de La Zarpa, o diario agrarista fundado por Basilio Álvarez que se publicou en Ourense entre 1921 e 1936, inclúese na biblioteca virtual de Galicia

Tamén pon en marcha un micrositio para os fondos dixitalizados da Biblioteca de Estudos Locais da Coruña, que inclúen obras do Padre Feijoo, Manuel Murguía, Alfredo Brañas e Valentín Lamas Carvajal

Coa nova ampliación de contidos, Galiciana supera xa o millón e medio de páxinas dixitalizadas para a consulta da cidadanía

  • Galiciana incorpora a colección completa de ‘La Zarpa’, o diario agrarista fundado por Basilio Álvarez que se publicou en Ourense entre 1921 e 1936 Galiciana incorpora a colección completa de ‘La Zarpa’, o diario agrarista fundado por Basilio Álvarez que se publicou en Ourense entre 1921 e 1936
  • Portada 'Defensa de la mujer' do Padre Feijoo Portada 'Defensa de la mujer' do Padre Feijoo

Santiago, 20 de agosto de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, a través da incorporación de novos contidos aos seus fondos. Ao abeiro da colaboración coa Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense, Galiciana pon ao dispor da cidadanía a colección completa da publicación periódica La Zarpa, diario senlleiro do agrarismo galego fundado por Basilio Álvarez e publicado entre 1921 e 1936.

Cumprindo co seu obxectivo de facer accesibles os títulos da prensa histórica galega, Galiciana ofrece aos usuarios e usuarias os anos completos desta publicación, na que se poden atopar artigos ou debuxos dunha ampla relación de colaboradores, que inclúe nomes tan destacados da cultura galega como os de Castelao, Noriega Varela, Valentín Paz Andrade, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo, Losada Diéguez ou os irmáns Vilar Ponte. Entre os seus contidos abórdanse desde temas políticos, cunha clara tendencia agrarista e galeguista, ata culturais, pedagóxicos ou feministas.

Con esta nova incorporación, que completa a realizada a comezos deste ano, Galiciana pon ao dispor da cidadanía a colección completa de ‘La Zarpa’, un total de 3.804 números publicados entre o 27 de xullo de 1921 ata o 4 de agosto de 1936. Supoñen un total de 31.284 novas imaxes que permiten a busca a texto completo.

Documentación histórica sobre Galicia e A Coruña
En colaboración coa Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña, Galiciana tamén divulga os fondos dixitalizados desta biblioteca, que inclúe unha selección de documentos dos séculos XVII ao XIX relacionados coa historia de Galicia e da Coruña e que supoñen un total de 134 títulos, nos que se inclúen desde publicacións menores, como bandos, ordenanzas, regulamentos, instrucións ou boletíns, ata a historia de Galicia a través de grandes historiadores como López Ferreiro, Martínez Salazar ou Benito Vicetto.

Obras de Murguía, Brañas e Lamas Carvajal
Cos obxectivos de facilitar a súa accesibilidade e de contribuír coa súa difusión, o departamento de Cultura acaba de poñer en marcha un micrositio específico en Galiciana para os fondos dixitalizados desta biblioteca, recoñecida pola Xunta de Galicia como biblioteca de especial interese, que tamén inclúen obras de autores tan destacados para a cultura galega como Manuel Murguía, Alfredo Brañas ou Valentín Lamas Carvajal.

Con esta nova incorporación, Galiciana trata de continuar enriquecendo os seus contidos e chamando a atención sobre determinados fondos que se consideran de especial interese para os usuarios e usuarias.

Incorporación de novos mapas
Ademais, con motivo da exposición que se pode visitar actualmente na Biblioteca de Galicia sobre a colección cartográfica de Rodolfo Núñez de las Cuevas, Galiciana incrementou o seu fondo cartográfico dixitalizado con algún dos mapas que forman parte desta mostra.

Galiciana, a biblioteca dixital de referencia en Galicia, forma parte da grande enciclopedia dixital construída entre todos os estados membros da Unión Europea, Europeana. Ao abeiro deste proxecto, a Biblioteca de Galicia dixitaliza e dálle visibilidade ao patrimonio bibliográfico galego co fin de difundilo, conservalo e incorporalo aos proxectos nacionais e internacionais de dixitalización bibliotecaria.

Máis dun millón e medio de páxinas dixitalizadas
Ademais de incorporar os fondos dixitalizados pola Biblioteca de Galicia, Galiciana nútrese de fondos procedentes doutras, como a Real Academia Galega (RAG), da que se poden consultar 805 rexistros bibliográficos. Grazas tamén á colaboración de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, o Museo do Pobo Galego, o Seminario de Mondoñedo, as fundacións Penzol e Eugenio Granell e a nova incorporación das bibliotecas de Estudos Locais da Coruña e da Deputación de Ourense, Galiciana ten ao dispor da cidadanía máis de 4.950 obras dixitalizadas do patrimonio bibliográfico galego. Cos traballos realizados nos últimos meses, a biblioteca dixital de Galicia supera xa o 1.500.000 de páxinas dixitalizadas.

O obxectivo marcado desde a Consellería de Educación e Cultura é que Galiciana se converta nun directorio de proxectos dixitais en Galicia, que contribúa a un mellor e maior aproveitamento dos recursos dedicados a dixitalización, que se eviten duplicidades e que se favoreza a cooperación entre institucións con fondo de patrimonio bibliográfico que resulten de interese para Galicia.

Comparte