Nova: As Feiras do Libro de Galicia programan en Vigo máis de 60 actividades

29/06/2017

As Feiras do Libro de Galicia programan en Vigo máis de 60 actividades

A cidade da oliveira acolle ata o 8 de xullo esta cita cultural, promovida pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración co Goberno galego

Elena Gallego, Ledicia Costas, María Solar e María Reimóndez son algunhas das autoras que participarán no encontro durante os próximos días
 

  • Anxo Lorenzo na Feira do Libro de Vigo Anxo Lorenzo na Feira do Libro de Vigo

Vigo, 29 de xuño de 2017.- As Feiras do Libro de Galicia desenvolverán este ano unha programación de máis de 60 actividades en Vigo, ademais de ofrecer un completo escaparate coas principais novidades editoriais. Desde hoxe e ata o próximo 8 de xullo, a cidade da oliveira será o escenario da nova cita deste calendario feiral, promovido pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e que percorrerá ata finais de agosto un total de 16 municipios das catro provincias galegas.

Na apertura da feira, coa lectura do pregón a cargo de Carlos Núñez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o interese das feiras para favorecer o comercio interior do libro, ao achegarlle á cidadanía, en espazos públicos centrais dos concellos, unha ampla oferta de novidades editoriais. Tamén salientou a completa e diversa programación de actividades que se desenvolverá na cidade durante os próximos días co obxectivo de lle achegar ao público os libros e a lectura.

Programación de actividades
As presentacións e sinaturas de libros centran as propostas da feira, coa participación de recoñecidos autores e de autoras como Pedro Feijoo, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Reimóndez, Ledicia Costas, Elena Gallego, María Solar, Ramón Nicolás, Francisco Castro etc. A exposición Mar de redes, de Ruth Villar; contacontos, espectáculos musicais e teatrais, recitais poéticos e un obradoiro de caligrafía chinesa completan a oferta cultural prevista na feira para as próximas xornadas.

Calendarios das Feiras do Libro
Logo do seu paso por Verín, por Ferrol, por Santiago de Compostela, polo Porriño, por Lugo, por Ourense, por Redondela e por Ribeira, e unha vez rematado o encontro en Vigo, as próximas citas das Feiras do Libro Novo de Galicia 2017 realizaranse en Rianxo, do 20 ao 23 de xullo; en Mondoñedo, entre o 24 e o 26 de xullo; e en Ponteareas, do 27 ao 30 dese mesmo mes. En agosto serán as feiras do libro da Coruña, do 1 ao 10; de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 17 ao 20; e de Monforte de Lemos, que pechará a edición de 2017 entre os días 23 e 26 deste mes estival.

O calendario completo pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/axenda

Comparte