Nova: Vinte espectáculos, obradoiros e xogos durante dez horas na capital de Galicia
23/08/2014
Vinte espectáculos, obradoiros e xogos durante dez horas na capital de Galicia
Inundaron a praza central da Cidade Imaxinaria ata as 21 horas, no Gaiás
A cuarta edición do festival despídese cun grande espectáculo final que recreará o mundo máxico da Atlántida
- Vídeo coas declaracións da directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira Otero
Santiago, 23 de agosto de 2014.- Grande afluencia de público ao festival Cidade Imaxinaria, que desde as 11 da mañá reúne no alto do Gaiás a preto dun cento de artistas para animar unha xornada que rematará ás 21 horas cun gran espectáculo final onde se recreará o mundo máxico da Atlántida.
Carreiras de coches, torneos, asaltos a castelos, obradoiros de zancudos, teatros de sombras chinesas, bailes, malabares e ata un total de vinte espectáculos son algúns dos ingredientes que Cidade Imaxinaria ofrece por cuarto ano consecutivo durante dez horas ininterrompidas de diversión. Tal e como sucedeu en anteriores anos, centos de familias achegáronse xa pola mañá a gozar do teatro, a maxia, o circo e a música que ofrece unha das actividades máis exitosas da Cidade da Cultura.
Servizo de bus especial
Para os que queiran subir pola tarde, a Cidade da Cultura conta cunha conexión especial de autobús urbano para facer máis accesible o Gaiás. A partir das 14 horas, a liña C11 iniciará unha ruta especial, que sairá da Praza de Galicia cada 40 minutos ata o Gaiás. O servizo prolongarase ata o final de Cidade Imaxinaria, sendo o último bus en baixar o das 21:30 horas. O prezo do billete é a tarifa ordinaria: 1€ para o billete individual e 0,55 para o escolar, podendo utilizar os bonos de transporte habituais.
Escenario Imaxinario
Como novidade este ano, o público asistente pode gozar na praza central do Gaiás do ‘Escenario Imaxinario’, un espazo máxico polo que, ata as 20 horas, pasarán os números circenses e cheos de humor da compañía ‘Cabaré Parodia’, os trucos de maxia do espectáculo ‘Sim Salabim’ ou as acrobacias de ‘La Belle Escabelle’.
Ademais, os que se acheguen esta tarde poderán abraiarse cun fermoso espectáculo final: desde o fondo do océano ao cumio do Gaiás, o festival dirá adeus cun espectáculo onde se recreará o mundo máxico da Atlántida e as lendas dos seus habitantes, dos que se dicía que podían correr polo ceo como paxaros.
Aqueles que desde as 11 ata as 21 horas non queren perder nada, poden achegarse á ‘Taberna Gordini’, unha taberna-teatro rexentada por unha divertida familia de chefs italo-galegos, onde degustar saborosos pratos italianos cociñados cos mellores ingredientes de Galicia e servidos por acróbatas, forzudos ou pallasos.
Actividades para toda a familia
Como xa sucedeu esta mañá, todos os que se acheguen ao Gaiás poderán gozar con espectáculos de rúa como ‘Trasto Cars’, unha carreira de coches onde pode pasar de todo; ‘Le Petit Circ’ co seu The piollos show!; ou coas habilidades imposibles dos malabares de ‘Rosso a Spasso’.
Xunto cos espectáculos, a praza alberga tamén teatriños de luva, sombras chinesas e marionetas de ‘Os Monicreques’. Ademais, os asistentes poden participar nun auténtico ‘Torneo de Cabalaría’; crear unha rede social propia ao aire libre con ‘Externet!’; amosar a destreza na ‘Pesca do Pato’; ou asaltar unha fortaleza medieval en ‘Castelo Poch’.
Estas actividades complétanse con xogos orixinais, como as plataformas e mecanismos nas que poñer a proba o enxeño, a paciencia e a destreza dos participantes, ou como ‘Titellarium’, un espazo onde descubrir o microuniverso dos contos máis famosos da historia; e tamén cos artiluxios mecánicos e quebracabezas dos ‘Amigos de Crusó’ e as caixas sorpresa da ‘Estraña viaxe do señor Tonet’.
Zancudos e kuduro
‘Cidade Imaxinaria’ conta ademais cunha serie de obradoiros onde aprender a andar en zancos grazas aos pallasos da Troupe Malabó, a moverse ao ritmo espasmódico do ‘Kuduro en familia’, a descubrir os segredos que agocha a ‘Globoflexia’ ou a converterse nos personaxes que desexen a través do obradoiro de ‘Maquillaxe e fantasía’.
Para os máis golosos, na praza hai postos de xeados, algodón de azucre, gofres e palomitas, que se poderán tomar na carpa de descanso prevista para recuperar forzas.
Visita de balde ao Museo Centro Gaiás
Con motivo da celebración do festival Cidade Imaxinaria, a entrada o Museo Centro Gaiás é de balde durante todo o día para poder visitar en familia a exposición ‘Auga Doce’. Ademais, durante as visitas guiadas (11:00, 12:30, 17:00 e 18:30 horas) sortearanse dúas estancias nun hotel-balneario da comunidade cortesía de Balnearios de Galicia.
E os que prefiran visitala pola súa conta, recordarlle que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tablets de descarga gratuita, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.