Nova: A Agadic destina máis de 135.000 euros a festivais de música e artes escénicas na provincia da Coruña

12/07/2017

A Agadic destina máis de 135.000 euros a festivais de música e artes escénicas na provincia da Coruña

A Axencia Galega das Industrias Culturais colabora co Festival Outono, con Galicreques, ca Mostra de Cariño, co Wos, co Festival da Luz e co V de Valarés

  • Festival de la Luz
  • V de Valarés
  • WOS

A Coruña, 12 de xullo de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina este ano máis de 135.000 euros a festivais de artes escénicas e de música. A través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos nestes sectores culturais.

Así, en 2017 cofinanciaranse en Galicia un total de 20 festivais (11 de música e nove de artes escénicas). En concreto, na provincia da Coruña a Xunta participa no Wos Festival en Santiago, Festival da Luz en Boimorto e no V de Valarés en Ponteceso, sumando unha achega de máis de 56.000 euros no apartado de festivais musicais. En canto ás artes escénicas, Galicreques en Santiago, a Mostra de Teatro de Cariño e o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo suman preto de 79.000 euros.

O Wos Festival é un encontro de carácter anual que defende unha visión ampla da cultura alternativa e de vangarda e que en 2017 celebra a súa cuarta edición entre os día 6 e 10 de setembro. Boimorto acolle entre os días 8 e 10 de setembro a artistas como Mago de Oz, Jarabe de Palo, Rulo y la Contrabanda, León Benavente ou Guadalupe Plata, entre outros. V de Valarés celebrará a súa undécima edición os próximos 18 e 19 de agosto na espectacular praia de Balarés na localidade coruñesa de Ponteceso. Entre os principais atractivos están Los Planetas e Love of Lesbian.

Do 14 ao 22 de outubro de 2017 celébrase en Santiago de Compostela a XXII edición do Festival Internacional Galicreques. A Mostra de Teatro Galego de Cariño terá lugar entre o 12 e o 18 de agosto. Por último, o Festival Internacional Outono Teatro celebrará e setembro a súa 26ª edición.

A orde pola que se rexen estas axudas establece que o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20 por cento da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan. A Xunta considera este tipo festivais como parte dun sector cultural estratéxico para Galicia e para o impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.

Comparte