Nova: O Centro Ramón Piñeiro presenta a versión definitiva do sintetizador de voz CoToVía

14/07/2017

O Centro Ramón Piñeiro presenta a versión definitiva do sintetizador de voz CoToVía

Trátase dun sistema de conversión automática texto-voz para a lingua galega fundamental para automatización das comunicacións, da información e das relacións sociais

CoToVía, que se distribúe baixo licenza Creative Commons, pode ser libremente utilizado por calquera empresa ou usuario

No acto de presentación, Valentín García incidiu na importancia da tecnoloxía lingüística para asegurar o futuro do galego

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou, a canda o director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e director do proxecto de investigación CoToVía, Manuel González, a versión definitiva do sintetizador de voz homónimo, unha ferramenta informática que permite a conversión dun texto escrito en galego nunha cadea oral.

Valentín García explicou que o CRPIH, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi pioneiro en desenvolver proxectos de tecnoloxía lingüística en galego coma o CoToVía que, “ademais do seu valor intrínseco para asegurar o funcionamento e utilidade da nosa lingua na actual sociedade da información e no futuro que nos agarda, abriron camiños seguidos posteriormente por outros equipos de investigadores e mesmo por empresas”. O secretario xeral referiuse ao estudo “O idioma galego na era dixital”, que forma parte do libro branco da rede de excelencia da Comisión Europea META-NET, e coincidiu coas súas conclusións, segundo as que “podemos ser moderadamente optimistas e afirmar que neste tipo de tecnoloxías o galego está ao nivel da maioría das linguas europeas de igual número de falantes, mesmo de idiomas que son oficiais de estados da Unión”.

Ao dispor de toda a comunidade

CoToVía é un proxecto interdisciplinar do CRPIH no que traballou un equipo integrado por enxeñeiros superiores de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (baixo dirección de Eduardo Rodríguez Banga) e de lingüistas da Universidade de Santiago de Compostela (baixo a dirección de Manuel González González). O seu obxectivo foi construír un sistema de conversión automática texto-voz para a lingua galega. Ao longo dos últimos anos foron presentándose distintas versións ata chegar a esta definitiva, construída con unidades pregravadas extraídas da lingua natural.

Os sintetizadores de voz serven para garantirlles a accesibilidade web a persoas con discapacidades visuais, pero son tamén fundamentais en todas as linguas no mundo da automatización das comunicacións, da información e das relacións sociais: en postos de información automatizados (servizos de banca, reservas de billetes, lectura de mensaxes por vía telefónica...), no ensino de idiomas, no ensino de lectura a nenos con dislexia, nas alarmas orais, na verificación de texto etc.

A versión definitiva de CoToVía púxose ao libre dispor de toda a comunidade como Creative Commons, cunha licenza GPL 3.0+, de maneira que pode ser utilizada libremente por calquera empresa ou usuario, coa única condición do recoñecemento de que os seus autores son o CRPIH e a Universidade de Vigo. O enderezo para a descarga é ftp.net-snmp.org.

Tecnoloxías da fala

Entre as liñas de traballo do CRPIH sempre figurou a das tecnoloxías lingüísticas ou da fala, que permiten facer do galego unha lingua moderna, útil e eficiente para responder ás necesidades da sociedade actual e asegurar a súa viabilidade futura. Aínda que o proxecto CoToVía se considera hoxe finalizado, o mesmo equipo multidisciplinar que o desenvolveu seguirá traballando nunha nova dirección máis flexible e diversificada de elaboración de recursos auxiliares para o desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías.

Comparte