Nova: A Festa da Palabra réndelle homenaxe a Carlos Casares na Insua dos Poetas
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
16/07/2017
A Festa da Palabra réndelle homenaxe a Carlos Casares na Insua dos Poetas
O Carballiño, 15 de xullo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na homenaxe que a VIII Festa da Palabra lle rendeu a Carlos Casares na Insua dos Poetas, na localidade ourensá do Carballiño. A cita, xa consolidada na axenda cultura do verán en Galicia, recorda neste 2017 a figura do homenaxeado co Día das Letras Galegas, Carlos Casares.
Sobre o escritor ourensán, Román Rodríguez salientou “o importante traballo que Casares fixo ao longo da súa vida para o fomento do libro e a lectura en Galicia” e destacou que, como intelectual, escritor e axente cultural, é “un dos artífices desta Galicia que pode asumir os retos do século XXI.”
Por outra banda, e referíndose ao propio espazo físico no que se desenvolve o acto, o conselleiro congratulouse do feito de que a Festa da Palabra se celebre na Insua dos Poetas, un lugar no que a literatura dialoga coas artes plásticas e no que a homenaxe a escritores se converte tamén en recoñecemento ao traballo e creación dos máis relevantes escultores contemporáneos da nosa terra, cuxa obra convive coa natureza neste espazo situado na parroquia de Madarnás. Neste sentido Román Rodríguez felicitou á Fundación polo seu bo facer e contribución ao enriquecemento da nosa lingua e cultura, cualificando a Ínsua dos poetas como “un territorio cultural de primeira magnitude.”
No decorrer do acto entregáronse os premios Setecarballas da Insua dos Poetas, que este ano recaeron en Antón Pulido, en Miguel Anxo Fernán-Vello, o Centro Partido do Carballiño en Bos Aires, a plataforma Ríos Limpos, Carlos Guitián, o Diario Cultural da Radio Galega e o grupo de teatro Tiruleque. Do mesmo xeito, deuse a coñecer a nova homenaxe escultórica coa que contará a partir de hoxe Carlos Casares neste espazo cultural. Trátase dunha creación plástica do artista Manuel Buciños que leva o título dunha das obras máis coñecidas de Carlos Casares, Vento Ferido.
Entre outras autoridades, no acto participaron o alcalde de O Carballiño, Francisco José Fumega; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o presidente da Fundación, Luís González Tosar.
Desde 2009 a Festa da Palabra homenaxeou as figuras de Ramón Piñeiro (2009), Arturo Baltar (2010), Xosé María Díaz Castro (2011), Celso Emilio Ferreiro (2012), os poetas do Rexurdimento (2013), Eduardo Blanco Amor (2014), Francisco Luis Bernárdez (2015) e Pura e Dora Vázquez (2016).