Nova: As Feiras do Libro de Galicia ofrecerán en Ponteareas máis de 20 actividades ata o 30 de xullo

27/07/2017

As Feiras do Libro de Galicia ofrecerán en Ponteareas máis de 20 actividades ata o 30 de xullo

Xunto coa oferta de novidades editoriais, a cargo das sete librerías que se dan cita no encontro, a programación de actividades inclúe presentacións e sinatura de libros, un recital poético, obradoiros e actuacións musicais

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará esta tarde no acto de apertura da feira, que contará co pregón do escritor Kiko Neves

 

Ponteareas (Pontevedra), 27 de xullo de 2017.- As Feiras do Libro de Galicia chegan hoxe ao municipio pontevedrés de Ponteareas no seu percorrido polas catro provincias galegas, para lle achegar á cidadanía a lectura e as últimas publicacións do sector editorial. O encontro, que será inaugurado esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ofrecerá ata o próximo 30 de xullo unha programación de máis de 20 actividades para todos os públicos.

Presentacións e sinatura de libros con autores e autoras como Marta Dacosta, Amara Castro, Salvador Rodríguez, Juan J. Prieto, Raquel Castro, Isabel Blanco e Luz Beloso; actuacións musicais, obradoiros de ilustración e banda deseñada, sorteo de libros, espectáculos de clown e humor con Peter Punk, unha mesa de debate sobre autoedición e o recital Kneves no autoblues de Chicago a Fornelos, con Kiko Neves e os guitarristas Phil Chicago e Rober Fornelos, centran a oferta cultural dos próximos días en Ponteareas.

A programación de actividades desenvolverase na praza Maior de Ponteareas, onde estarán instaladas as casetas coas novidades editoriais, da man das librerías Pedreira, Cartabón, Nobel Burela, Lafer, Ledo, Milfollas e Terra.

Apertura da feira e horarios

As portas da feira quedarán abertas esta tarde ás 18:00 horas, mentres que a programación dará comezo ás 19:30 horas, coa actuación do grupo SonDaRúa. A continuación, terá lugar o acto de inauguración, que contará coas intervencións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Antón Pedreira; e do alcalde do municipio, Xosé Represas. A seguir, o escritor Kiko Neves será o encargado de ler o pregón.

O venres e mais o domingo, a Feira do Libro de Ponteareas permanecerá aberta en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:30 a 22:30 horas, mentres que o sábado abrirá en horario de mañá, de 12:00 a 14:00 horas.

Calendario das Feiras do Libro de Galicia

Promovidas pola Federación de Librarías de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, as Feiras do Libro de Galicia botaron a andar a súa programación de 2017 o pasado 31 de marzo no municipio ourensán de Verín. Desde esa data, as feiras, que suman este ano un total de 16 localidades, dúas máis que en 2016, percorreron os concellos de Ferrol, de Santiago de Compostela, do Porriño, de Lugo, de Ourense, de Redondela, de Ribeira, de Vigo, de Rianxo e de Mondoñedo.

Logo do seu paso por Ponteareas, as Feiras do Libro de Galicia chegarán no mes de agosto á Coruña, do 1 ao día 10; a Viveiro, do 13 ao 16; a Foz, do 17 ao 20; e a Monforte de Lemos, onde concluirá a edición de 2017, entre os días 23 e 26.

O calendario completo das feiras pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia, en https://www.cultura.gal/gl/axenda

 

Comparte