Nova: Preto de 800 rapaces de estadía nos campamentos participan en xullo no programa 'O galego campa!'
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
01/08/2017
Preto de 800 rapaces de estadía nos campamentos participan en xullo no programa 'O galego campa!'
Política Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado despregan este verán a sétima edición desta iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o uso do galego entre a mocidade no tempo de lecer
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2017.-Un total de 780 rapaces e rapazas de estadía nos campamentos de verán de titularidade da Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Política Social, participaron ao longo deste mes no programa de dinamización lingüística O galego campa!, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Do 15 ao 24 de xullo, as actividades chegaron a 12 campamentos que integran a Acción de Verán 2017, aos albergues xuvenís de Quiroga, Equal (Coles), Penedos de Xacinto (Entrimo) e Mariña Española (Sada) e mais nos campamentos xuvenís Illa de Ons (Bueu), Espiñeira (Boiro), Os Chacotes (Palas de Rei), Furelos (Melide), A Devesa (Ribadeo) e Pontemaril (Forcarei) .
No mes de agosto, este programa de dinamización lingüística chegará a outros sete campamentos máis que se desenvolverán no Complexo O Corgo (Muíños), na Estación de Montaña de Manzaneda, no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son) e nos albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), Equal e As Sinas (Vilanova de Arousa).
En total, nesta sétima edición O galego campa! estará presente en 19 campamentos que se celebrarán en 15 instalacións diferentes das catro provincias galegas. Deste xeito, chegará a preto de 1500 rapaces e rapazas de nove a 17 anos participantes nas actividades estivais da Xunta de Galicia para a mocidade.
Actividades, formación e materiais para promover o galego
O galego campa! é un programa de dinamización lingüística que as consellerías de Cultura e Educación e mais de Política Social desenvolven a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Desde a súa posta en marcha en 2011, O galego campa! vén ofrecendo actividades para promover a visibilización e o uso da lingua galega no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia, así como formación e recursos para o monitorado. Estes últimos están recollidos dende o 2015 no Repositorio dixital do tempo libre en galego, ao que se pode acceder desde o Portal da lingua galega.
Os dous departamentos están a traballar no que será o primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a xuventude da Administración autonómica, cuxa aprobación está prevista para finais deste ano.