Nova: Atardecer no Gaiás despídese con María Rodés, Adrián Costa e Toy
26/08/2014
Atardecer no Gaiás despídese con María Rodés, Adrián Costa e Toy
A copla convértese nun himno indie na voz da cantautora María Rodés este xoves na praza central da Cidade da Cultura e o bluesman Adrián Costa convidará á xente ao baile na tardiña do venres
Toy, unha das bandas británicas do momento, protagonizará unha despedida que se prolongará na Cantina do Gaiás cunha sesión de música electrónica
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2014.- O ciclo Atardecer no Gaiás despídese esta semana con tres citas imprescindibles: a copla indie de María Rodés, a actuación do bluesman Adrián Costa e o rock psicodélico dunha das bandas máis destacada do momento, Toy.
Atardecer no Gaiás volveu na súa cuarta edición a poñerlle música, ritmo e poesía ás tardiñas de Compostela cun total de 24 concertos de balde, durante os xoves, venres e sábados de xullo e agosto. Tras dous meses ofrecendo os máis variados sons, o ciclo chega ao seu fin e faino cunha despedida por todo o alto.
O xoves, 28 de agosto, subirá ao escenario da praza central a catalá María Rodés, que ofrecerá un concerto diferente: copla sen desgarro, sen sufrimento nin dor. A través do seu último traballo, María canta copla, esta cantautora intimista e de delicada voz converte este coñecido xénero popular nun himno ‘indie’ cheo de ensoñacións e cancións únicas coas que gozar ata a posta de sol.
O venres 29 será Adrián Costa, bluesman compostelán coñecido por ser o cantante e guitarrista de Los Reyes del KO, quen ofreza unha actuación en solitario na que tan só estará acompañado polo seu ‘maquineto’, un vello sampler co que animará á xente ao baile.
E a gran festa de despedida terá lugar o sábado 30 de agosto e estará cargo dunha das bandas do momento: os británicos Toy. Apadriñados por The Horrors e tras xirar polos festivais más importantes de Europa e EEUU, Toy despregará todo o seu indie/rock psicodélico n fin de festa deste ciclo co que gozar ao final do día. E ao acabar o concerto, a festa seguirá ata a madrugada na Cantina do Gaiás, onde terá lugar unha sesión de dj’s a cargo de Nano Vinilo, DJ Flaber e VJ VHF.
Servizo especial de bus urbano
Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ teñen lugar na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21,00 horas e a entrada é de balde. Cunha duración entre 60 e 90 minutos, os asistentes a ‘Atardecer no Gaiás’ poden baixar ata o centro de Santiago ao finalizar os concertos grazas a un servizo especial do autobús urbano C11: os xoves e venres sae do Gaiás ás 22:45 e os sábados e festivos ás 22:50.