Nova: O espazo do illote de Areoso, “un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia”

02/08/2017

O espazo do illote de Areoso, “un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia”

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, comproba in situ os traballos que se están a executar no illote co fin de escavar e documentar a mámoa 4, a de maior tamaño que se coñece na zona

A actuación, que conta cun orzamento superior aos 70.000 euros, rematará no mes de setembro coa restitución dos terreos e procurando adoptar un sistema que demore a súa erosión polo mar

O titular do departamento de Cultura destaca que estas accións de investigación e divulgación axudan a dar coñecer entre o público xeral, así como a poñer en valor, o rico patrimonio arqueolóxico co que conta Galicia

 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 2 de agosto de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou esta mañá in situ os traballos arqueolóxicos que se están a executar no illote de Guidoiro de Areoso (Illa de Arousa). A intervención, que comezou o pasado día 17 de xullo —e rematará, segundo as previsións, o próximo mes de setembro—, céntrase na mámoa 4, a de maior tamaño que se coñece no illote. O conselleiro definiu este espazo como “un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Galicia” debido á súa gran riqueza, posto que este monumento presenta un interese excepcional desde o punto de vista da investigación arqueolóxica, xa que non semella ter sido alterado por buscadores de tesouros.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou que esta actuación, cuxo orzamento ascende a 70.206,15 euros, contribúe a dar a coñecer e poñer en valor entre o público xeral o rico patrimonio arqueolóxico co que conta Galicia. Unha vez finalizado o estudo, restituiranse os terreos e procurarase adoptar un sistema que demore a súa erosión polo mar.

Durante a visita, Román Rodríguez estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Ínsua; así como polo equipo de arqueólogos que dirixen a escavación.



Continuación dos traballos de documentación de 2016

Cómpre lembrar que os primeiros pasos da intervención xa se deron no ano 2016, cando se executaron traballos de documentación xeométrica e rexistro superficial das mámoas 3 e 4, así como traballos de prospección intensiva de todo o illote na procura de materiais arqueolóxicos en superficie.

Froito destas accións recolléronse abundantes fragmentos de cerámica e obxectos líticos puídos, así como dous fragmentos dunha mandíbula humana que poñen de manifesto que no illote se realizaron máis enterramentos alén das mámoas. En todo caso, e tal e como remarcou o conselleiro, a actuación máis importante é a que se está a executar este verán, posto que se actúa sobre un punto considerado estratéxico, como é a mámoa 4, para poder recoller máis información detallada acerca do valor arqueolóxico do illote.

Ademais, tamén é importante salientar a participación de diversos equipos de investigación das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Burdeos (Francia), que tomarán mostras como parte dun proxecto propio no que están a investigar as ocupacións prehistóricas do illote.



Restos coñecidos

Guidoiro Areoso é un illote de apenas 8 hectáreas de superficie situado na ría de Arousa. O illote está incluído no inventario do patrimonio cultural de Galicia, xa que figura no catálogo de bens culturais que hai que protexer do Plan Xeral de Ordenación Municipal da Illa de Arousa, aprobado polo pleno da corporación municipal o 14 de febreiro de 2002. Cómpre sinalar que tamén está protexido medioambientalmente, ao formar parte da zona de especial protección dos valores naturais do Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira, da Rede Natura 2000.



Hoxe está aproximadamente no medio da ría de Arousa, a uns 1.400 metros en liña recta da Illa de Arousa, pero ata hai uns 3.500 anos o nivel do mar situábase entre 5 e 7 metros por baixo do actual. Nesas condicións seguramente formaba parte dunha península unida ao continente. Ao manterse illado desde entón, nunca cultivado e cuberto na súa maior parte por unha duna, conserva importantes restos arqueolóxicos prehistóricos que son coñecidos desde 1988.

En concreto, coñécense un total de cinco monumentos megalíticos (mámoas), cinco estruturas tipo cista (caixas feitas con pedra), probablemente funerarias, así como abundantes indicios de ocupación durante o Neolítico e a Idade do Bronce (fundamentalmente cerámicas e ósos de animais). Todos estes restos están situados na zona intermareal, nos solos antigos enterrados baixo a area, onde a acción do mar os vai deixando á vista, polo que corren perigo de destrución.

 

Comparte