Nova: O Marisquiño inclúe no seu cartel musical máis de 20 propostas de rock, punk ou electrónica
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
09/08/2017
O Marisquiño inclúe no seu cartel musical máis de 20 propostas de rock, punk ou electrónica
A Agadic apoia o programa de concertos, cunha destacada presenza de artistas galegos, que terá lugar do 11 ao 13 de agosto en tres dos escenarios desta décimo sétima edición do macroevento de cultura urbana e deportes extremos
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) repite este ano como entidade colaboradora do festival O Marisquiño de Vigo. En concreto, a entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia economicamente o cartel musical desta décimo sétima edición do macroevento de cultura urbana e deportes extremos, con máis de vinte propostas de rock, punk ou electrónica que terán lugar do 11 ao 13 de agosto.
Os concertos, que se desenvolverán entre as 21,30 e as 2,00 horas na praza da Estrela, no peirao de Transatlánticos e no Espazo Mahou, serven de complemento ao programa estritamente deportivo, que conta tamén coa colaboración da Xunta e que reúne atletas de elite de Europa, América e Asia en disciplinas como BMX, Skateboarding, FMB Dirt Jump, MTB Downtown, Flatland, Motocross e Motonáutica. Ademais, no Marisquiño volverán ocupar un lugar destacado outras propostas como o break dance ou o graffiti.
A organización agarda que máis de 160.000 persoas gocen desta programación, que dota O Marisquiño dunha marca con personalidade propia como a gran cita coa cultura urbana do norte peninsular.
Na súa oferta musical, que inclúe concertos e sesións DJ de acceso gratuíto, teñen unha gran presenza os artistas de Galicia, de onde proceden máis da metade dos que conforman o cartel desta edición. Así, na praza da Estrela actuarán TR3S (Santiago de Compostela), Jas Processor (Cangas), Banana Bahía Music (Vigo), Overdose DJ’s (Vigo) e Lopes (Camariñas). No peirao de transatlánticos estarán Nave Nodriza (A Coruña), DJ Morcego (Santiago), Playa Desmayo (A Coruña), DJ Juan (Vigo) e Kings of the Beach (Vigo), mentres que os concertos de Presumido (Vigo) e Mounqup (Ourense) terán lugar no Espazo Mahou.
Completan este cartel propostas chegadas doutros puntos da península, como as de Galera, Killimanjaro, Trono de Sangre, Airaboi, 7 Notas 7 Colores, Grotèsque, Willis Drummond, Dj Pegatas ou Aries.