Nova: 1500 rapaces e rapazas participaron na sétima edición de ‘O galego campa!'
10/08/2017
1500 rapaces e rapazas participaron na sétima edición de ‘O galego campa!'
Un total de 19 campamentos da Acción de Verán 2017 acolleron a sétima edición do programa posto a andar por Política Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado para dinamizar o uso do galego entre a mocidade no tempo de lecer
Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2017.- Un total de 1465 rapaces e rapazas, de entre 9 e 17 anos, de estadía nos campamentos de verán de titularidade da Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Política Social, participaron ao longo dos meses de xullo e agosto na sétima edición do programa de dinamización lingüística O galego campa!, promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Do 15 de xullo ao 9 de agosto, as actividades chegaron a 19 campamentos que integran a Acción de Verán 2017, aos albergues xuvenís de Quiroga, Equal (Coles), Penedos de Xacinto (Entrimo) e Mariña Española (Sada) e mais nos campamentos xuvenís Illa de Ons (Bueu), Espiñeira (Boiro), Os Chacotes (Palas de Rei), Furelos (Melide), A Devesa (Ribadeo) e Pontemaril (Forcarei), Complexo O Corgo (Muíños), na Estación de Montaña de Manzaneda, no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son) e nos albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), Equal e As Sinas (Vilanova de Arousa).
Actividades, formación e materiais para promover o galego
O galego campa! é un programa de dinamización lingüística que as consellerías de Cultura e Educación e mais de Política Social desenvolven a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Desde a súa posta en marcha en 2011, O galego campa! vén ofrecendo actividades para promover a visibilización e o uso da lingua galega no contexto dos campamentos de verán da Xunta de Galicia, así como formación e recursos para o monitorado. Estes últimos están recollidos dende o 2015 no Repositorio dixital do tempo libre en galego, ao que se pode acceder desde o portal da lingua galega.
Os dous departamentos están a traballar no que será o primeiro Plan de dinamización da lingua galega entre a xuventude da Administración autonómica, cuxa aprobación está prevista para finais deste ano.