Nova: 'Maimiño e o espello máxico' proxectarase hoxe no cinema de verán de Abegondo
10/08/2017
'Maimiño e o espello máxico' proxectarase hoxe no cinema de verán de Abegondo
Unha nova proxección do programa de cinema de verán para a Rede de Dinamización Lingüística poderase gozar hoxe no campo da feira do concello coruñés ás 22:00 h con entrada libre e de balde
‘A praia dos afogados’ e ‘9 ondas’ son os outros dous títulos en carteleira desta proposta
¡Maimiño e o espello máxico' proxectarase hoxe pola noite no concello coruñés de Abegondo (no campo da feira, ás 22:00 horas, ou, no caso de choiva, no Centro Cultural O Salón), no marco do programa de dinamización lingüística Redecinema, que está achegar ata setembro a 17 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)- veñen de poñer a segunda edición desta iniciativa que inclúe outros dous títulos de (co)produción galega e en galego: 'A praia dos afogados' e '9 ondas', en formato de cinema de verán.
Proxeccións en 17 concellos durante o verán
Redecinema é un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia que chegará aos concellos de Abegondo, Boimorto, Boiro, Noia e Vedra, na provincia da Coruña; Foz, Mondoñedo e Taboada, en Lugo; Celanova, O Carballiño e O Pereiro de Aguiar, en Ourense e mais A Cañiza, Marín, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo e Soutomaior, en Pontevedra. O calendario de proxeccións xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema) e mais na Axenda de Cultura de Galicia.
A iniciativa persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.
Rede de Dinamización Lingüística
Os destinatarios do programa Redecinema son os concellos pertencentes á RDL, un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan outras entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.