Nova: Todos os Muíños do Folón e do Picón (O Rosal) son xa Lugar de Interese Etnográfico
11/08/2017
Todos os Muíños do Folón e do Picón (O Rosal) son xa Lugar de Interese Etnográfico
A Consellería de Cultura e Educación publica hoxe no DOG o expediente para incrementar o espazo catalogado como Ben de Interese Cultural
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente para ampliar a delimitación dos muíños do Folón e do Picón, na localidade pontevedresa de O Rosal. Estes bens foron declarados ben de interese cultural (BIC), con categoría de lugar de interese etnográfico, en 1998.
O departamento de Cultura da Xunta de Galicia considera que, á vista da información dispoñible, o ámbito de protección integral actual do conxunto etnográfico non recolle a totalidade de muíños deste ámbito, un total de 77 (36 no Folón e 31 no Picón), que teñen unha feitura moi semellante e homoxénea. Polo tanto, a incoación deste expediente ten como obxectivo incluír na delimitación a totalidade do sistema, a ermida de San Martiño e o castro do Picón.
Conxunto
Os muíños do Folón eran coñecidos historicamente pola denominación de Riobó, nome empregado para o río Folón ou San Martiño, e teñen a súa orixe cando menos no século XVII, coa implantación e xeneralización do cultivo do millo, se ben é probable que algúns xa existisen con anterioridade. Os muíños do Picón, situados máis cara o leste, alimentábanse das augas de recollida de varios regos e fontes, en especial do que adopta a denominación do rego da Cal, no lugar denominado O Nivel, e teñen un número e disposición semellante, se ben o seu funcionamento está condicionado pola periodicidade dos usos e caudais.
Trátase de construcións rectangulares de pequeno tamaño, de muros de cachotería concertada con linteis, xambas e algún canto de cantería traballada, e cubertas de tella curva a unha auga, sen aleiro. Nas canterías son abondosas as inscricións, en especial de cruces latinas con algunha sinxela ornamentación xeométrica, aínda que tamén hai inscritas iniciais e datas. Estes símbolos, que ás veces ocupan paneis enteiros de varias cruces, tamén se repiten en laxes exteriores próximas aos muíños. Ocasionalmente o sistema podía completarse cun pequeno alboio cuberto para as bestas, ás que se lles dispoñía pías ou bacías para alimentalas.
Estes muíños tiñan a función principal de moer gran de millo, trigo e centeo, aínda que excepcionalmente está acreditado o uso para moer mineral, polo que mantiveron o uso ata mediados do século XX, cando se produciu case o seu total abandono.
Outros elementos protexidos
Considéranse partes integrantes do lugar de valor etnográfico, ademais das propias edificacións dos muíños, os sistemas hidráulicos para a captación, retención e distribución das augas, en especial as pesqueiras, así como as levadas e regos que conducen a auga aos cubos.
Asemade, protexerase a ermida de San Martiño e os camiños tradicionais, en especial o de San Martiño, no que aínda se conserva algún pousadoiro e unha parte de pavimento aberto na propia pedra con fundas rodeiras de carro. Así mesmo, son partes integrantes do expediente os camiños que soben polas carreiras de Martín e Cereixeira, que deben ser conservados na súa funcionalidade e localización.
Procedemento
Tras a incoación do expediente, aplicarase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os lugares de valor etnolóxico en particular, con eficacia dende o momento da notificación ás persoas interesadas.
Asemade, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar dende o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente; e notificarase esta resolución aos interesados, ao Concello do Rosal e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.