Nova: O Pazo de San Isidro, en Mondoñedo, será Ben de Interese Cultural

11/08/2017

O Pazo de San Isidro, en Mondoñedo, será Ben de Interese Cultural

A partir deste momento aplícaselle o réxime de protección dos BIC, o máximo previsto pola Lei do patrimonio cultural

  • Pazo de San Isidro | Foto de A Nao Mai Pazo de San Isidro | Foto de A Nao Mai

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a incoación do expediente para declarar ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento o Pazo de San Isidro, en Mondoñedo. O inmoble está sito no lugar do Couto de Outeiro da parroquia de Nosa Señora do Carme, preto da ponte do Pasatempo, polo que domina o val da vila. A súa situación fai referencia a un lugar de xurisdición importante e zona de mando por poder real. Non en balde, nas súas inmediacións atopouse un rolo de xustiza, o que confirma que o lugar estivo relacionado coa xurisdición civil e criminal. Ademais, ao pé do inmoble está a calzada que levaba ata a devandita ponte que daba entrada á cidade de Vallibria, actualmente Mondoñedo.

Ao longo da súa historia – a edificación actual é do SXVII con orixe medieval, aínda que a planta baixa é moito máis antiga- o pazo estivo dedicado a varios usos, primeiro como torre de xurisprudencia e despois como convento das Concepcionistas, antes de converterse en pazo residencia. No 1627 o lugar foi adquirido polo capitán pedro Fernández Vaamonde y Saavedra e a súa muller Dona María de Losada. Casado en segundas nupcias con Dona María Pardo de Andrade, en 1656 fundou o morgado a favor do seu fillo Don Isidro Alonso Vaamonde Pardo e Sarmiento, ademais de fundar a ermida da Nosa Señora do Socorro do Couto de Outeiro, incluída no expediente de declaración como BIC.

O pazo está formado por diversos corpos rectangulares acaroados que conforman un conxunto de planta irregular cun patio porticado na parte posterior, do que cabe salientar os capiteis e bases das columnas de pedra e os seus fustes en madeira pintada, pouco frecuente en Galicia e moi populares en Castela. Asemade é curiosa a orientación da entrada principal do pazo, de cara á montaña e non ao val de Mondoñedo, que coincide co paso do trazado do Camiño Real.

O expediente de declaración do ben como de interese cultural inclúe, ademais da edificación principal, os dous escudos cos que conta o pazo coas súas correspondentes inscricións e, no interior, as dúas chemineas, os pavimentos de pedra, a lareira, ou os arcos, entre outras partes integrantes con interese. Asemade, formarían parte do BIC o patio porticado, o cruceiro e o pombal que se atopa fóra do recinto amurallado.

No tocante á capela, que tamén se inclúe na documentación, conserva catro laudas sepulcrais, todas elas do século XIX, e aínda se distinguen as pinturas con formas xeométricas do zócalo dos muros do coro en cores amarela, vermello e azul, así como da varanda do coro en vermello e azul; ademais de destacar o arco do corpo que une o antigo convento do coro da capela.

Trámites

A partires da incoación do expediente aplícase a este ben de xeito inmediato o réxime de protección previsto para os BIC na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Ademais, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.

Comparte