Nova: O festival Espazos Sonoros convida a descubrir a paisaxe etnográfica e natural de Arbo

26/08/2017

O festival Espazos Sonoros convida a descubrir a paisaxe etnográfica e natural de Arbo

A partir de hoxe e ata o 6 de setembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para participar na ruta pola contorna de Santa María de Sela

A actividade, que se realizará o 9 de setembro, rematará cun concerto de música antiga na igrexa do lugar a cargo do grupo Favola d’Argo

Desde o 2 de setembro e ata o 15 de outubro, Espazos Sonoros ofrecerá un cartel de nove concertos de artistas galegos e internacionais para descubrir o patrimonio

  • Espazos Sonoros, na contorna de Santa Mariña de Sela (Arbo) Espazos Sonoros, na contorna de Santa Mariña de Sela (Arbo)

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2017.- O festival Espazos Sonoros abre hoxe o prazo de inscrición para participar na ruta pola contorna de Santa María de Sela, unha actividade dirixida a todos os públicos para a descuberta da paisaxe natural e etnográfica do municipio pontevedrés de Arbo.

A ruta dará comezo ás 15,00 horas do sábado 9 de setembro, no lugar de Sela, cun descenso cara ao río ata a praia fluvial, e chegará ata a parroquia de San Xoán de Barcela e ao lugar da Torre. Un manancial de augas mineromedicinais, numerosas pesqueiras de lamprea e videiras son algúns dos principais elementos que destacan neste percorrido de gran beleza paisaxística, ao que seguirá un concerto de música antiga na igrexa de Santa María de Sela da man do ensemble Favola d’Argo, a partir das 20,00 horas.

Previamente á actuación, o público asistente terá a oportunidade de ver as recentemente restauradas pinturas murais da igrexa, que serán comentadas por persoas expertas e partícipes da iniciativa promovida pola veciñanza de Sela para a súa restauración.

As persoas interesadas en participar na ruta, que é de carácter gratuíto, deberán inscribirse en actividades@espazossonoros.org antes do 6 de setembro.

 

Espazos Sonoros: música e patrimonio

Desde o 2 de setembro e ata o 15 de outubro, o festival Espazos Sonoros ofrecerá nove concertos de artistas e grupos galegos e internacionais –como a Austrian Baroque Company, o grupo Favola d’Argo, Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, o catalán Xavier Díaz-Latorre, Manseliña, Samuel Diz e Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo, entre outros– para convidar a descubrir o patrimonio cultural galego a través da música.

A programación, que se desenvolverá en espazos de especial interese cultural dos municipios de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona, inclúe actividades dirixidas a todos os públicos. Obradoiros, visitas guiadas e rutas pola paisaxe organística son algunhas das propostas da décima edición de Espazos Sonoros, un ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, baixo a dirección artística de Belén Bermejo.

Toda a información sobre o festival pode consultarse no portal web da Axenda de Cultura e no do festival.

Comparte