Nova: Cova Eirós, un "libro aberto" para comprender a prehistoria de Galicia
29/08/2017
Cova Eirós, un "libro aberto" para comprender a prehistoria de Galicia
No xacemento da Cova Eirós, no que se vén traballando desde o ano 2008 co apoio da Xunta de Galicia, as escavacións arqueolóxicas localizaron no sector da entrada restos de diversas ocupacións paleolíticas
A consellería propuxo o pasado mes de maio a súa declaración singular como ben de interese cultural coa categoría de monumento
Triacastela (Lugo), 29 de agosto de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, visitou hoxe Cova Eirós e anunciou que a Xunta de Galicia seguirá apoiando o vindeiro ano este proxecto que “está a desvelar moitos aspectos descoñecidos sobre o noso pasado remoto”, e que o titular de Cultura cualificou como “un libro aberto” co que comprender mellor non só a prehistoria da nosa Comunidade, senón tamén do conxunto do noroeste peninsular. Rodríguez explicou que se trata dun paso máis “que reafirma o compromiso da Xunta coa xestión do noso patrimonio cultural.”
O conselleiro estivo acompañado, no percorrido pola cavidade, da alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, do director do proxecto, Ramón Fábregas, do codirector das escavacións, Arturo Lombera Hermida e do xefe de servizo de Arqueoloxía, Roberto Pena.
Da investigación á declaración BIC
No marco dos proxectos de investigación denominados Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da cunca media do Miño e Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universitat Rovira i Virgili (Tarragona), desenvolveron desde o ano 2006 diversos proxectos de investigación arqueolóxica baixo a dirección científica do catedrático Ramón Fábregas Valcarce (USC).
No xacemento da Cova Eirós, no que se vén traballando desde o ano 2008 co apoio da Xunta de Galicia, as escavacións arqueolóxicas localizaron no sector da entrada restos de diversas ocupacións paleolíticas. Ademais, nas paredes da Gran Sala do interior da cavidade atopáronse unha serie de motivos pintados e gravados que constitúen un achado único e excepcional en Galicia da arte parietal do Paleolítico Superior.
Tendo en conta estes antecedentes, a consellería propuxo o pasado mes de maio a súa declaración singular como ben de interese cultural coa categoría de monumento, por estimala como a figura máis acaída para o seu réxime de protección, de acordo coa Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia. O expediente permaneceu en exposición pública polo prazo dun mes e actualmente estanse a avaliar as alegacións. O prazo para resolvelo é de 24 meses a contar a partir da data da re¬solución de incoación.
Novos resultados
Os resultados acadados nestes últimos anos están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de Neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.
As novas datacións absolutas confirman ao grupo de Neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.
Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegármonos á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Algúns dos últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a Fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por Carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.
Difundir para coñecer, coñecer para salvagardar
O concello lugués de Triacastela acolleu a finais do pasado xullo unhas xornadas sobre o Paleolítico do Noroeste nas que participaron prestixiosos investigadores e profesionais do equipo de escavación. A dirección da xornada correu a cargo de Ramón Fábregas Valcarce, Xosé Pedro Rodríguez Álvarez e Arturo de Lombera Hermida.
As xornadas celebráronse ao abeiro do convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e contou co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel. Nos traballos de investigación toma tamén parte o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.
Nesta ocasión, a temática das conferencias xirou arredor de dúas cuestións relevantes para o caso de Cova Eirós, como son a transición Paleolítico medio/superior e a comparativa entre os modos de vida dos Neandertais e dos Homo sapiens e a arte rupestre cantábrica.
Neste sentido, Román Rodríguez concluíu a súa intervención ante os medios lembrando a transcendencia destas actividade, ao afirmar que “desde a consellería temos moi en conta a importancia deste tipo de actuacións de difusión”, e que “hai unha correlación entre a difusión, o coñecemento dos bens e a salvagarda dos mesmos”.