Nova: Maimiño e o espello máxico proxéctase mañá en Vedra
05/09/2017
Maimiño e o espello máxico proxéctase mañá en Vedra
O primeiro filme galego-cubano de animación poderase gozar ás 22:00 horas no campo da festa, con entrada de balde, no marco do Programa de dinamización lingüística Redecinema
O ciclo de cinema en formato de verán da Consellería de Cultura pechará a súa segunda edición o 22 de setembro no concello ourensán do Pereiro de Aguiar
Maimiño e o espello máxico proxectarase mañá, mércores, pola noite, no concello coruñés de Vedra (no campo da feira, ás 22:00 horas, ou, no caso de choiva, no Centro Sociocultural), no marco do programa de dinamización lingüística Redecinema que concluirá o vindeiro día 22 de setembro no Pereiro de Aguiar (Ourense) o seu paso por 17 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A segunda edición desta iniciativa posta en marcha desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC)- incluíu outros dous títulos de (co)produción galega e en galego: A praia dos afogados e 9 ondas.
Primeiro filme galego-cubano de animación
Maimiño e o espello máxico é a peza infantil que integra a carteleira de ‘Redecinema’. Trátase do primeiro filme galego-cubano de animación, un proxecto realizado por Ficción Producións coa colaboración do ICAIC (Instituto Cubano da Arte e Industria Cinematográficos), que adapta o conto infantil Polgariño da man de José Martí, e o apoio da Agadic.
A fita conta a historia dun pequeno labrego que quere sacar a súa familia da pobreza. Unha praga de insectos que estragan a colleita do campo no que vive e mais o encontro co espello máxico da media laranxa son os sucesos que o levarán á aventura. Será o espello quen lle revele quen é a muller dos seus soños e o anime a marchar á cidade canda os seus irmáns, Pablo e Pedro.
Proxeccións en 17 concellos durante o verán
Redecinema é un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia. Chegou, durante o verán, aos concellos de Abegondo, Boimorto, Boiro, Noia e Vedra, na provincia da Coruña; Foz, Mondoñedo e Taboada, en Lugo; Celanova, O Carballiño e O Pereiro de Aguiar, en Ourense e mais A Cañiza, Marín, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo e Soutomaior, en Pontevedra. O calendario de proxeccións está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/redecinema) e mais na Axenda de Cultura de Galicia.
A iniciativa persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.
Rede de Dinamización Lingüística
Os destinatarios do programa ‘Redecinema’ son os concellos pertencentes á RDL, un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan outras entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.