Nova: Unha charla-concerto en homenaxe a Fanny Garrido recupera a figura desta escritora galega

06/09/2017

Unha charla-concerto en homenaxe a Fanny Garrido recupera a figura desta escritora galega

Con motivo do centenario do seu pasamento, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza unha charla-concerto o luns 11 de setembro, ás 19:00 horas, na sede da Real Academia Galega, para difundir o labor escasamente coñecido desta escritora e tradutora galega de finais do século XIX

A musicóloga Laura Touriñán Morandeira debullará algunhas das claves da súa traxectoria, e o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo interpretarán os poemas galegos desta escritora musicados por Marcial del Adalid

  • Fanny Garrido, escritora e tradutora do século XIX Fanny Garrido, escritora e tradutora do século XIX
  • Unha charla-concerto en homenaxe a Fanny Garrido recupera a figura desta escritora galega Unha charla-concerto en homenaxe a Fanny Garrido recupera a figura desta escritora galega
  • Composicións de Fanny Garrido e Marcial del Adalid Composicións de Fanny Garrido e Marcial del Adalid

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2017.- O próximo luns 11 de setembro, ás 19:00 horas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza na sede da Real Academia Galega unha charla-concerto en homenaxe a Fanny Garrido, para recuperar e poñer en valor o labor literario e social levado a cabo por esta escritora e tradutora galega de finais do século XIX. 

Coincidindo coa celebración do centenario do seu pasamento en 2017, a Secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración da RAG, propón un achegamento ao legado desta muller pioneira e avanzada ao seu tempo. Será a musicóloga especialista na obra de Marcial del Adalid Laura Touriñán Morandeira a encargada de desvelar algunhas das claves da traxectoria vital e profesional de Fanny Garrido, en conversa ao vivo coa xornalista Isabel Bugallal. 

A continuación terá lugar un concerto a cargo da soprano Susana de Lorenzo e do pianista Alejo Amoedo, que interpretarán os poemas galegos creados por Fanny Garrido e musicados por Marcial del Adalid. As composicións, tituladas “Bágoas e soños”, “Frouseira, triste Frouseira”, “Canto de berce”, “A bordo”, “Mondariz”, “¡Pesoulle!”, “A sorte” e “A noite de san Xoán”, unen o talento destes dous creadores, que contraeron matrimonio no ano 1860. Froito desta unión nacerá a súa filla María, doadora de interesantes fondos bibliográficos da familia á Real Academia Galega, que se exhibirán e comentarán ao inicio da charla-concerto. 

Escritora, tradutora e activista cultural

Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García (A Coruña, 1842 – Madrid, 1917) foi unha muller que realizou ao longo da súa vida un labor literario e social silandeiro. Na súa traxectoria destaca a súa faceta de tradutora, con diversas obras alemás vertidas ao castelán, entre elas, Viaje a Italia (1891), de Goethe, á que incorpora un limiar crítico.

Autora de recoñecidas novelas –asinadas baixo o pseudónimo de Eulalia de Liáns–, como Escaramuzas (Madrid, 1885), La madre de Paco Pardo (Madrid, 1898) e Batallas (inédita), Fanny Garrido publicou diversos ensaios e artigos de prensa que dan conta do seu interese pola educación, así como do seu compromiso cos máis desfavorecidos, con Galicia e mais coa súa cultura. Ese compromiso levou a tomar parte activa en iniciativas como a Sociedade de Folk-Lore Galego, da que foi socia fundadora na xunta inaugural, xunto coa presidenta e promotora, Emilia Pardo Bazán, nun acto celebrado en 1883 na rúa Tabernas 11, actual sede da RAG. 

Académica correspondente da RAG

Posteriormente, Fanny Garrido tamén participará na primeira listaxe xeral dos "folkloristas considerados como socios fundadores” da Academia Gallega, canda outras galegas senlleiras como Filomena Dato, Joaquina Otaño, Matilde Frade ou Francisca Fernández Vaamonde, entre outras. Por esa traxectoria, será nomeada académica correspondente da Real Academia Galega o 15 de setembro de 1905.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia incorporou este ano ao Calendario do Libro e da Lectura a celebración do centenario do pasamento de Fanny Garrido para favorecer o coñecemento e o recoñecemento desta escritora e tradutora, activista da cultura e do desenvolvemento educativo e social en Galicia. 

Comparte