Nova: A igrexa de Pinol, en Sober, recibe máis de 150.000 euros para a súa mellora e a conservación das súas pinturas murais
06/09/2017
A igrexa de Pinol, en Sober, recibe máis de 150.000 euros para a súa mellora e a conservación das súas pinturas murais
A actuación ten como finalidade manter en condicións de funcionalidade e habitabilidade o templo de Sober, ademais de protexer as pinturas e artesoado da cuberta
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, investirá 154.275 euros na igrexa de San Vicente de Pinol (Sober) co fin de mellorar as condicións de funcionalidade e habitabilidade do templo e, en consecuencia, protexer e conservar as pinturas murais e artesoado da cuberta. En concreto, as pinturas atópanse nos muros norte e sur da nave principal, así como no arco triunfal da cabeceira, e poden situarse cronoloxicamente no século XVI.
A formalización do contrato de obras, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e pode consultarse na seguinte ligazón.
Cun prazo de execución de cinco meses, a restauración contempla a eliminación de entrada de humidade pola cuberta, das humidades polos paramentos, da drenaxe interior (humidades polo chan), así como a restauración da portada, do rosetón, da escaleira de acceso á espadana, das carpinterías e ferraxería e da instalación eléctrica e alumeado.
Desenvolvemento das accións
Nunha primeira fase acometerase, con carácter previo e inmediato, as actuacións de conservación do artesoado existente para, con posterioridade, executar as diferentes actuacións estruturais tanto na nave principal (recuperación da armadura de par e tirante) como no cruceiro, presbiterio, sancristía e acceso á reitoral. Tamén se levará a cabo a restauración do artesoado existente e a renovación total da cuberta de tella árabe.
En canto aos tratamentos e acabados exteriores, as actuacións principais proxectadas varían en función do tipo de fábrica, rexuntándose con morteiro de cal as canterías da nave principal e revocándose á morica os paramentos do cruceiro.
Tamén se executarán actuacións de eliminación das humidades que proveñan do chan cun sistema de franxa e tubo drenante, acometeranse traballos de restauración na carpintería existente, renovarase a porta da reitoral e mellorarase a ventilación da igrexa, a súa instalación eléctrica e alumeado básico.