Nova: A Rede Galega de Salas programa 60 funcións nos cinco espazos do circuíto ata fin de ano
20/09/2017
A Rede Galega de Salas programa 60 funcións nos cinco espazos do circuíto ata fin de ano
Sala Gurugú e Teatro del Andamio da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago e Teatro Ensalle de Vigo conforman este circuíto de distribución de espectáculos en escenarios de titularidade privada e capacidade reducida
A Agadic impulsa a actividade dos cinco espazos cunha carteleira de setembro a decembro que eleva a 119 as representacións ofrecidas en 2017, cunha forte presenza das novas tendencias e da oferta infantil
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programará entre os meses de setembro e decembro 60 representacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia dentro da súa Rede Galega de Salas. Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago de Compostela e Teatro Ensalle de Vigo forman parte deste circuíto, financiado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Contribúese deste xeito ao mantemento da actividade das salas escénicas de titularidade privada e capacidade reducida que, porén, reúnan os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. Este segundo período de programación anual eleva a 119 o número de representacións ofrecidas na Rede Galega de Salas durante 2017, para o que se conta cun investimento de 60.000 euros.
Este circuíto iniciou a súa actividade hai dez anos, ofrecendo dende entón un catálogo multidisciplinar no que foron cobrando maior peso as novas tendencias escénicas e os espectáculos especialmente dirixidos ao público infantil e familiar. De feito, este último tipo de propostas supón máis da metade das actuacións contratadas no circuíto neste último cuadrimestre.
Primeiras actuacións esta fin de semana
A nova carteleira da Rede Galega de Salas arranca esta fin se semana na Coruña e Santiago, precisamente con dous títulos pensados para os espectadores máis novos: a montaxe musical Letras e notas, de Magín Blanco, que poderá verse na Fundación SGAE o sábado 23 ás 18,00 h. e o domingo 24 ás 12,30 h., mais o espectáculo teatral Camiñando entre estrelas, que Ghazafelhos representará no Teatro del Andamio o sábado ás 18,00 h. e o domingo ás 12,30 e ás 18,00 h.
Outras 28 compañías, galegas na súa meirande parte, amosarán tamén as súas últimas producións dentro deste circuíto: Prácido Domingo en danza, A Illa dos Nenos e Chrystyan Magic en maxia, Golfiños en música, Peter Punk en circo e Anómico Teatro, AveLina Pérez, Butaca Zero, Cía. Cielo rasO, Terrorismo de Autor, Xerpo Cultural, Caxoto Contacontos, A Xanela do Maxín, Caramuxo Teatro, Cía. Mundo Mandarina, Cía. La Sonrisa del Lagarto, Danthea Teatro, Higiénico Papel Teatro, Katarsis Educación e Teatro, La Gotera de Lazotea, La Mar de Marionetas, Larei Lara, Tanxarina, Teatro del Andamio, Teatro do Miolo Producións, Títeres Alakrán, Trinketrinke Teatro e Xarope Tulú en teatro.
Xunto cos outros tres circuítos xestionados pola Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño), a Rede Galega de Salas contribúe a lle dar forma á carteleira de exhibición escénica e musical máis extensa de Galicia, con 1250 citas culturais durante 2017.
Estas catro programacións pode consultarse nas seccións de axenda dos webs de Cultura da Xunta (www.cultura.gal) e da Agadic (www.agadic.gal/Axenda).