Nova: A Cidade da Cultura acolle as charlas TEDxGalicia para promover a difusión de ideas innovadoras
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
20/09/2017
A Cidade da Cultura acolle as charlas TEDxGalicia para promover a difusión de ideas innovadoras
O evento, que se celebra no Gaiás por terceiro ano consecutivo, ten esta edición como lema Ultreia. Ánimo para ir máis alá
As conferencias terán lugar o sábado 2 de decembro e as entradas sairán á venda o 1 de outubro
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017.- A Cidade da Cultura na súa aposta por promover a difusión de ideas innovadoras acollerá por terceiro ano consecutivo as charlas TEDxGalicia, que se celebrarán o sábado 2 de decembro no Museo Centro Gaiás e que nesta edición terán como lema Ultreia. Ánimo para ir máis alá.
As charlas TED creáronse en 1984 en California como un evento para a transmisión “daquelas ideas que pagan a pena ser difundidas”, como reza o seu lema, facendo referencia á repercusión global que acadan os seus vídeos. TED é o acrónimo de Tecnoloxía, Entretemento e Deseño, as tres grandes áreas temáticas. O seu formato áxil (duración máxima de 18 minutos), así como a escolla de relatores e temas fixo que pronto se convertesen nun fenómeno viral con millóns de visualizacións a través de YouTube.
Moi pronto, nomes como Bill Clinton, Bill Gates, Jane Goodall, Frank Ghery ou Bono pasaron por TED, impulsando o éxito desta marca. A boa resposta por parte do público levou a TED a crear os programas TEDx co obxectivo de reproducir estas conferencias en diferentes países, cidades ou rexións do planeta.
Co lema Cara unha sociedade movida pola talento, a primeira edición dos TEDxGalicia tivo lugar no ano 2010. Desde entón se veñen celebrando anualmente en diferentes localizacións da comunidade, sempre con extraordinaria resposta por parte do público. Desde 2015, a Cidade da Cultura acolle este evento no marco de seu programa de apoio ao emprendemento e a innovación.
A organización de TEDxGalicia anuncia que os nomes de conferenciantes non se darán a coñecer ate principios de novembro, pero que as entradas para asistir como público sairán a venda o 1 de outubro en tedxgalicia.com ou en cidadedacultura.gal.