Nova: Espazos Sonoros propón unha viaxe polos instrumentos tradicionais galegos esta fin de semana
21/09/2017
Espazos Sonoros propón unha viaxe polos instrumentos tradicionais galegos esta fin de semana
Os antigos fornos da Pontenova serán, o sábado 23 de setembro, ás 19:00 horas, o escenario dun concerto a dúo de Lois Romero e Suso Vaamonde, no que soarán distintos tipos de gaitas, requintas e frautas, unha zanfona, ocarinas e asubíos, e unha gran variedade de percusións
Previamente, realizarase unha andaina pola ruta do ferrocarril para coñecer o patrimonio do lugar, que rematará nos antigos fornos para a calcinación de ferro
A programación do festival de música e patrimonio da Consellería de Cultura continuará o 30 de setembro en Caldas de Reis cun concerto do grupo Manseliña
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- A música tradicional e o patrimonio cultural do concello da Pontenova son os protagonistas da nova xornada do festival Espazos Sonoros, que terá lugar o próximo sábado, 23 de setembro, no municipio lucense. Ás 19:00 horas, os recoñecidos músicos Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde realizarán un percorrido polas ferramentas da tradición musical de Galicia para ofrecer un variado repertorio de músicas, que soarán nos antigos fornos da Pontenova.
Neste concerto a dúo, de acceso libre ata completar a capacidade, Vaamonde e Romero interpretarán pezas do repertorio tradicional galego, nas que alternarán un instrumento melódico e outro de percusión. Entre os instrumentos que soarán durante a actuación están distintos tipos de gaitas, unha zanfona, un acordeón, requintas e frautas, ocarinas e asubíos, así como unha gran variedade de percusións, como o bombo, pandeireta, pandeira, pandeiro, lata, tixola, tarrañolas ou charrasco. Ademais, amosarase como evolucionaron estes instrumentos ao longo do tempo, principalmente nestes últimos anos, tanto na súa construción coma nos seus usos e posibilidades.
Ruta do antigo ferrocarril
A actuación terá como escenario os antigos fornos da Pontenova para a calcinación do mineral de ferro. Previamente á actuación, as persoas inscritas poderán realizar unha visita guiada por este conxunto patrimonial, ademais dun percorrido pola ruta do antigo ferrocarril, que unía as minas de Vilaoudriz co porto de Ribadeo, e que transcorre desde a Pontenova, á beira do río Eo, por unha fermosa paisaxe de ribeira.
Manseliña, en Caldas de Reis
Promovido pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e baixo a dirección artística de Belén Bermejo, o festival Espazos Sonoros viaxará na próxima xornada ata o concello de Caldas de Reis, onde actuará, o sábado 30 de outubro, ás 20:00 horas, o grupo Manseliña. María Giménez, Valentín Novio e Pablo Carpintero revisarán as cantigas medievais galego-portuguesas de Martín Códax ou Afonso X fusionándoas con exemplos de música tradicional do noroeste da Península.
A igrexa de Santa María de Godos acollerá o concerto de Manseliña, que será de acceso gratuíto e libre ata completar a capacidade. Previamente, ás 17:00 horas, o festival organizará unha visita ao obradoiro de fundición de campás Ocampo, situado na localidade de Arcos da Condesa, único en Galicia e dos últimos que quedan na península Ibérica. O cupo de prazas para participar nesta visita xa está cuberto.
Próximas actividades e concertos
A paisaxe organística do Camiño do Norte, unha visita guiada polo Arquivo Histórico Provincial de Ourense e os concertos do organista Pablo Seoane, do pianista Alejo Amoedo e da soprano Susana de Lorenzo, xunto coa actuación de clausura da Austrian Baroque Company completan a programación da décima edición de Espazos Sonoros, que desde o pasado 2 de setembro percorreu os municipios de Vilasantar, de Sobrado dos Monxes, de Arbo, de Montederramo e de Palas de Rei.
A programación para os días 23 e 30 de setembro, e 7, 11 e 15 de outubro pode consultarse en www.cultura.gal/axenda e en www.espazossonoros.org