Nova: Recta final de Cultura no Camiño con 43 actuacións en 29 concellos

31/08/2014

Recta final de Cultura no Camiño con 43 actuacións en 29 concellos

A segunda edición deste ciclo concluirá a finais de setembro despois de percorrer 81 municipios das rutas xacobeas e ofrecer 323 funcións de teatro, música, maxia e novo circo

Un total de 134 compañías e artistas galegos participan nesta iniciativa, que se enmarca na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela
 

  • Cartel de Cultura no Camiño Cartel de Cultura no Camiño

Santiago, 31 de agosto de 2014.- O programa Cultura no Camiño 2014, que a Xunta de Galicia impulsa a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Turismo de Galicia, entrará na súa recta final durante o mes de setembro con 43 actuacións de teatro, música, danza e novo circo en 29 municipios galegos. Estas serán as últimas funcións do total de 323 incluídas na segunda edición deste ciclo, que se vén desenvolvendo desde abril en colaboración con 81 concellos polos que transcorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago.

As últimas propostas de 134 compañías e artistas de toda Galicia dan forma a esta intensa oferta cultural, que se insire, á súa vez, na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co apoio de Gadis como empresa patrocinadora.

Programación de setembro
O calendario de setembro dará comezo o vindeiro mércores día 3 con ‘Contos de lobo’, espectáculo para público familiar que Ghazafelhos porá en escena na praza da Constitución de Vilalba. Nesta primeira semana do mes, tamén terán lugar representacións o venres 5 con Seisdedos Títeres en Pontecesures, os magos Martin Andersen en Rodeiro e Martín Camiña en Carral, e o Grupo de Música Antiga Martín Códax en Amoeiro; e mailo sábado 6 coa Banda Artística de Merza en Lugo e Os Quinquilláns en Negreira.

Estas son sete das 38 formacións que actuarán nos 29 municipios nos que se desenvolverá esta carteleira de setembro: 11 deles na provincia da Coruña (A Coruña, Abegondo, Carral, Culleredo, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Neda, Negreira e Teo), nove en Lugo (A Fonsagrada, Baleira, Begonte, Guntín, Lugo, Palas de Rei, Sarria, Sober e Vilalba), catro en Ourense (Amoeiro, Coles, O Barco de Valdeorras e San Cibrao das Viñas) e cinco en Ponteveda (O Rosal, Pontecesures, Rodeiro, Silleda e Tui).

Novo circuíto para os espectáculos galegos
Coordinado por Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con Turismo de Galicia, esta edición de 2014 duplicou o número de municipios participantes respecto da súa anterior entrega, celebrada en outubro de 2013. Supón, en consecuencia, a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos situados nas diferentes rutas xacobeas: Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Inverno, Ruta Xacobea do Mar de Arousa-Río Ulla, Camiño Primitivo, Camiño do Norte e Vía da Prata.

En canto á distribución territorial da segunda edición do programa, na provincia da Coruña 31 concellos acollen 116 actuacións; en Lugo, 18 concellos ofrecen 80 espectáculos; 10 concellos de Ourense poñen a disposición do público 39 funcións; e na provincia de Pontevedra, 22 concellos levan aos escenarios un total de 88 representacións.

A programación actualizada pode consultarse na sección de axenda da páxina web da Agadic (http://www.agadic.info/Axenda) e na Axenda Cultural de Galicia do web de Cultura da Xunta de Galicia (http://cultura.xunta.es/axenda).

Comparte