Nova: Cultura e Educación conmemora o Día Europeo das Linguas cun concerto na EOI de Santiago

26/09/2017

Cultura e Educación conmemora o Día Europeo das Linguas cun concerto na EOI de Santiago

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu ao acto, que contou cun recitado multilingüe a cargo de Rosa Cedrón e Emilio Rúa

O Día Europeo das Linguas é unha xornada de sensibilización sobre a riqueza lingüística do vello continente e a importancia da aprendizaxe de idiomas

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conmemorou hoxe o Día Europeo das Linguas cun acto na escola oficial de idiomas compostelá, no que participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e que incluíu un concerto multilingüe de Rosa Cedrón e Emilio Rúa.

O titular de Política Lingüística abriu esta conmemoración institucional lembrando “a importancia de aprender, ademais do inglés, outras linguas diferentes que, a pesar de teren menos falantes, abren portas e permiten a comunicación entre cidadáns europeos”.

Ao concerto, co que a EOI abre o presente curso académico, asitiu o director da escola, Gonzalo Constenla, así como profesorado e alumnado deste centro público dedicado ao ensino de idiomas a adultos.

 

Día Europeo das Linguas

Por iniciativa do Consello de Europa, dende o ano 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas cos obxectivos de destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de idiomas que se estudan para así incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural; preservar e promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa e promover a potenciar a aprendizaxe permanente de linguas tanto dentro como fóra dos centros educativos.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase cada ano a esta conmemoración cun acto de sensibilización e coa difusión do traballo que se fai nos centros educativos arredor deste día da man dos equipos de dinamización da lingua galega.

Toda a información e recursos están dispoñibles no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Comparte