Nova: Concedidos os Premios da Cultura Galega 2017

28/09/2017

Concedidos os Premios da Cultura Galega 2017

Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados deste ano

  • Premios da Cultura Galega Premios da Cultura Galega

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2017, nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultura e Proxección Exterior, respectivamente.

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presidiu hoxe a reunión do xurado dos premios, que tivo lugar esta mañá na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, e que estivo integrado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, por delegación do seu presidente; polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; polo secretario xeral da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Felipe-Senén López, por delegación do seu presidente; polo vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, Manuel Fernández, por delegación do reitor. Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Chelo Matesanz, artista plástica; Xosé Manuel Budiño, músico; Dolores Ben, presidenta da Asocaición Galega de Produtoras Independentes (AGAPI); e Belén Pichel, actriz e presidenta de Escena Galega. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.

A Xunta de Galicia convoca anualmente estes premios co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos. O galardón deste ano consistirá nunha obra do artista lucense Paco Pestana, que os premiados e premiadas recibirán nun acto solemne a realizar en próximas datas.

Letras
A andaina literaria na poesía de Xohana Torres comezou con Do sulco (1957) e proseguiu con obras como Estacións ao mar (Premio da Crítica española en 1981), Tempo de ría (1992) ou Elexía a Lola (2016). En 1971 publicou a súa única novela, Adiós, María, e, un ano despois, o ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos. Da súa faceta de dramaturga naceron Á outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, mentres que Polo mar van as sardiñas e Pericles e a balea son froito do seu cultivo no eido da literatura infantil e xuvenil.

A concesión do Premio da Cultura Galega de Letras súmase aos diversos recoñecementos que recibiu ao longo da súa vida, entre os que se inclúen o Pedrón de Ouro (1972), o Premio da Crítica (1982), o Premio Celanova (1985) e o Premio da Creación feminina (1992).

Artes plásticas
Berta Álvarez Cáccamo licenciouse en Belas Artes en 1986, ano no que comezou a súa traxectoria expositiva, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica. A súa pintura, recoñecida con diversas distincións, é abstractiva e conceptual, dentro da non figuración, con amplas manchas de tons asordados e dominio de cores ocres e negras.

Nas súas obras, presentes no Centro Galego de Arte Contemporánea, no Museo de Pontevedra e en coleccións particulares como a de Unión Fenosa da Coruña, predominan as composicións de estrutura xeométrica, deliberadamente elementalizadas. Entre as súas numerosas exposicións destaca Expansión ensaio, unha mostra realizada no CGAC en 2016 arredor da evolución pictórica da artista viguesa.

Artes escénicas
Actriz de ampla experiencia nas artes escénicas, e tamén no audiovisual, Mabel Rivera iniciouse no mundo do teatro na década dos setenta, participando en varios espectáculos ata 1984. Nese ano créase o Centro Dramático Galego, onde comezará a traballar como profesional nun dos primeiros elencos da compañía pública.

Protagonista dunha das comedias de maior éxito da TVG, Pratos combinados, o seu recoñecemento internacional chegoulle coa película Mar adentro, de Amenábar, que lle valeu en 2014 o Premio Goya á mellor actriz secundaria e o Premio Sant Jordi de Cinematografía á mellor actriz española. Tamén desenvolveu as facetas de presentadora, tradutora, axudante de dirección e actriz de dobraxe.

Música
Cantante de longa traxectoria, Uxía Senlle comezou a súa carreira como solista e compositora gañando en 1985 o 1º Premio do Festival de Bergantiños. En 1987 intégrase no grupo Na lúa, co que grava A estrela de maio e Ondas do mar de Vigo, que obtén o Premio da Crítica de Galicia. En 1995 publica Estou vivindo no ceo, no que ofrece unha ollada renovada sobre a música tradicional galega.

Uxía é impulsora de iniciativas pioneiras como o Festival Internacional da Lusofonía Cantos na maré. A súa conexión coa cultura brasileira centrou o seu álbum Meu canto (2011), co que recibiu galardóns como o de mellor álbum de música de raíz nos Premios da Música Independente de España. O seu interese por achegarlles ás novas xeracións a música en galego levouna a producir o disco A nena e o grilo (2010), o proxecto María Fumaça e os libro-discos Rosalía pequeniña ou Canta o cuco. En 2015 creou o seu propio selo, co que autoproduciu Baladas da Galiza imaxinaria, xunto con Narf.

Audiovisual
Oliver Laxe é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. No 2006 rodou en Londres, en colaboración con Enrique Aguilar, a curtametraxe Y las chimeneas decidieron escapar, seleccionado no Festival de Cine de Xixón e no East End Film Festival de Londres; traballo ao que seguiron a curta Suenan las trompetas, ahora veo otra cara e París #1.
 
A súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns, participou na sección oficial de Mar del Plata e foi gañadora do Fipresci da Quincena de Realizadores de Cannes en 2010. Seis anos máis tarde estreou Mimosas, que lle valeu o Gran Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes e o Premio ao mellor director e mellor guión nos Mestre Mateo.

Lingua
Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e nenas entre 0 e 6 anos neste idioma. O obxectivo é facilitar a incorporación da lingua propia de Galicia na comunicación familiar cos máis pequenos, mediante diferentes actividades, recursos e materiais.
 
Nesta iniciativa están implicados os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, O Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua.
 
Patrimonio cultural
O Padroado Rosalía de Castro créase no ano 1947 co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que Rosalía de Castro viviu no final da súa vida. Será en 1995 cando se converta en Fundación Rosalía de Castro, institución que fixo da Casa-Museo un dos principais epicentros culturais de Galicia.
 
Declarada de interese galego, a Fundación ten entre as súas atribucións a de fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía de Castro, do seu esposo Manuel Martínez Murguía e dos seus fillos; así como promover o estudo, edición e divulgación da súa vida e obra, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior a través do Centro de Estudos Rosalianos.

Proxección exterior
Gaiteira, pianista, produtora e educadora, Cristina Pato dedica boa parte da súa carreira profesional ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a gaita galega. Ten actuado en grandes escenarios de todo o mundo e produciu oito discos, ademais de participar en numerosas gravacións como artista convidada.

Doutora en Musical Arts pola Rutgers University (EUA), conta cos títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e o Máster en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona. Así mesmo, traballa como asesora de educación do Silk Road Project e é artista residente na Universidade de Harvard e na Universidade de California Santa Barbara.

 

Comparte