Nova: O Museo do Mar de Galicia ultima os preparativos para a exposición pública do Pergamiño Vindel
28/09/2017
O Museo do Mar de Galicia ultima os preparativos para a exposición pública do Pergamiño Vindel
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e mailo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, visitaron hoxe centro museístico onde se procedeu ao desembalaxe do documento
A inauguración será o día 10 e contará coa presenza do Rei emérito
Vigo, 28 de setembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e mailo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, achegáronse esta tarde ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, onde se están levando a cabo os últimos preparativos para a exposición pública do Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo do xograr Martín Códax escritas a finais do século XIII.
Nun acto ao que tamén asistiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o comisario da mostra, Francisco Singul; o director do Museo do Mar, Vicente Caramés explicou aos medios os pormenores da acomodación desta xoia da lírica medieval galego-portuguesa que o pasado martes chegou a Vigo procedente da Morgan Library de Nova York.
O Pergamiño Vindel exporase nunha nova sala do Museo, de 206 metros cadrados, habilitada ex profeso para acoller a citada obra. Este espazo expositivo conta cun sistema independente de climatización co fin de garantir os parámetros de temperatura e de humidade idóneos para a súa correcta conservación, así como as condicións de iluminación axeitadas.
Outro dos puntos a destacar é o relativo á seguridade en torno ao Pergamiño. A tal fin, o Museo reforzou a seguridade -tanto activa, con presenza de gardas de seguridade, como pasiva, con sensores de presenza e movemento e cámaras de vídeo vixilancia- para o control da sala onde estará exposto o documento.
A partires do vindeiro día 10 exhibirase ao público o Pergamiño, nunha exposición comisariada polo historiador Francisco Singul, que permanecerá aberta ata o 4 de marzo de 2018. Neste contexto, e segundo avanzou o conselleiro, o Rei emérito asistirá á inauguración da mostra.
Nos vindeiros días darase a coñecer o proxecto expositivo articulado en torno as sete cantigas de amigo, cunha peza central -o propio Pergamiño Vindel- acompañada de cincuenta pezas históricas en diálogo con obras contemporáneas que naceron baixo a inspiración do universo poético de Martín Códax, así como do propio mar de Vigo.