Nova: Máis de 75.000 persoas gozaron do programa Cultura no Camiño en 98 concellos

28/09/2017

Máis de 75.000 persoas gozaron do programa Cultura no Camiño en 98 concellos

A quinta edición da iniciativa, organizada en colaboración cos municipios asociados, remata esta semana coas nove últimas actuacións do total de 371 ofrecidas desde o pasado mes de abril

Este circuíto contribúe a enriquecer a oferta cultural nas localidades polas que discorren as rutas xacobeas, ao tempo que amplía as posibilidades de contratación dos espectáculos galegos

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2017.- Máis de 75.000 espectadores asistiron ás actuacións escénicas e musicais desenvolvidas en 98 concellos das rutas xacobeas dentro da quinta edición de Cultura no Camiño, circuíto promovido pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia. A actividade de 2017 concluirá esta fin de semana despois de ter ofrecido 371 citas culturais nos seus cinco meses de programación, organizada en colaboración cos municipios asociados e co patrocinio de Gadis.

Mañá e o sábado terán lugar as nove últimas funcións desta edición noutros tantos espazos, que acollen unha oferta para todos os públicos. Así, mañá actuarán Baboab Teatro con Sesión de contos no Pino (Centro Sociocultural Luís Seoane, ás 16,30 h.), Caramuxo con Redondo en Boiro (Casa da Cultura Ramón Martínez López, ás 18,30 h.), Teatro do Morcego con Presidente en Lourenzá (Casa da Cultura, ás 19,00 h.), Maquinarias Teatro con Ela e Dylan: as flores solitarias en Culleredo (Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, ás 20,30 h.), Lois Pérez con Historias da corripa: romances, viaxeiros e aparecidos en Carral (Edificio Social Toñito Espiñeira, ás 21,00 h.) e Pedro Brandariz con Familia? Non, grazas en Negreira (Auditorio do Centro Sociocultural, ás 21,00 h.).

Pola súa banda, o sábado pecharán a carteleira de 2017 Dinamoteatro con Pindirico Show en Rianxo (Biblioteca Pública Municipal, ás 12,00 h.), Dani García con Volta á maxia na Coruña (Fórum Metropolitano, ás 19,00 h.) e Sarabela Teatro con O secuestro da bibliotecaria en Carral (local Xente Nova de Tabeaio, ás 19,30 h.).

Dobre obxectivo

 Cun investimento de 544.287,47 euros, Cultura no Camiño duplicou este ano o número de concellos participantes desde a súa primeira convocatoria, ademais de ter cuadriplicado as actuacións ofrecidas e triplicado as compañías participantes. Neste sentido, o circuíto avanzou progresivamente no seu dobre obxectivo de favorecer a dinamización cultural das localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas e de ampliar as posibilidades de contratación dos espectáculos galegos de teatro, danza, música, maxia e circo.

As funcións desenvolvéronse desde finais de abril, coincidindo co período de maior intensidade das peregrinacións e contribuíndo, deste xeito, a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. A meirande parte tiveron lugar en emprazamentos ao aire libre, chegando a un rango de espectadores moi heteroxéneo.

Ademais, xunto cos outros tres circuítos xestionados pola Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Rede Galega de Salas), Cultura no Camiño contribúe a lle dar forma á carteleira de exhibición escénica e musical máis extensa de Galicia, con 1250 citas culturais durante 2017.

Comparte