Nova: A declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra, primeiro paso para acadar a súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial

29/09/2017

A declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra, primeiro paso para acadar a súa inclusión na lista do Patrimonio Mundial

A Xunta reúnese con institucións da Ribeira Sacra para impulsar a declaración de BIC de parte desta zona como Paisaxe cultural

  • A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo e necesario para acadar a desexada inclusión da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo e necesario para acadar a desexada inclusión da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial
  • A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo e necesario para acadar a desexada inclusión da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo e necesario para acadar a desexada inclusión da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial
  • A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo e necesario para acadar a desexada inclusión da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial A declaración de Ben de Interese Cultural é o paso previo e necesario para acadar a desexada inclusión da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2017.- Representantes da Xunta, das deputacións de Lugo e Ourense, dos distintos concellos da Ribeira Sacra incluídos no ámbito do futuro Ben de Interese Cultural, do Consello Regulador e do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, e do Inorde participaron esta mañá nunha reunión na que os responsables de Patrimonio do Goberno galego lles explicaron aos asistentes o proceso a seguir para lograr o máximo nivel de recoñecemento e protección deste territorio dacabalo das provincias de Lugo e Ourense, paso previo e imprescindible para promover a súa candidatura a Patrimonio Mundial da Unesco. A reunión estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e O. U., Román Rodríguez.

No encontro explicáronselles todos os aspectos técnicos relativos á incoación do expediente e á declaración da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural na categoría de Paisaxe Cultural e trasladóuselles, en palabras de Román Rodríguez, a “oportunidade histórica para o desenvolvemento sostible da zona” que comeza a percorrerse coa declaración e concluirá coa potencial inclusión na Lista indicativa do Patrimonio Mundial. O conselleiro dixo que a Ribeira Sacra sería neste sentido pioneira en España, pero que segue a senda que xa percorreron noutros países como Francia, Portugal, Italia ou Alemaña.

Durante a xuntanza falouse dos tres valores que reúne a Ribeira Sacra para ser BIC na categoría de Paisaxe Cultural: os naturais, derivados da combinación de factores climáticos, xeomorfolóxicos, acuáticos e biolóxicos da zona; os culturais, baseados nos elementos relixiosos, seculares e etnolóxicos, ademais de na rica toponimia local; e os mixtos, que resultan da interacción do ser humano coa natureza e a creación de elementos característicos como os socalcos.

Os concellos incluídos no futuro BIC son A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra de Brollón, A Teixeira, Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.

A delimitación do BIC

En relación aos límites superior e inferior da paisaxe cultural Ribeira Sacra, explicouse que polo norte serán o canón do Miño, que limita a presa de Belesar e que percorre as parroquias de Rebordaos, no Saviñao, e de Pesqueiras, en Chantada; e polo sueste, o canón do Sil, que limita coas parroquias de Vilachá, na Pobra do Brollón, e a de Torbeo, en Ribas de Sil.

O resto da delimitación continúa a liña de borde da bocarribeira, concepto que popularizou Ramón Otero Pedrayo e se refire á pendente que baixa desde o alto dunha montaña ata o río, e que na Ribeira Sacra adoita estar configurado en socalcos.

A área do BIC gozará ademais dunha protección especial, para asegurar os valores máis senlleiros da Ribeira Sacra. Así, nestas zonas, as actuacións nos bens singulares categorizados como BIC, as novas construcións, as rehabilitacións integrais e as actuacións que alteren a paisaxe de xeito importante necesitarán autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Exoámbitos e área de amortecemento

Cómpre salientar que por fóra do límite do futuro BIC atópanse os exoámbitos, que axudan a definir os valores extraordinarios da zona. Ao respecto, serán exoámbitos 17 bens, entre eles, o mosteiro de San Pedro de Rocas, o casco antigo de Monforte, o poboado de Montefurado e a colexiata de San Xoán de Portomarín, entre outros. Para actuar neles tamén será necesaria unha autorización da Xunta.

Por último, haberá unha terceira zona que funcionará como área de amortecemento, o que servirá como marxe de seguridade para evitar que a Ribeira Sacra se vexa prexudicada por algunha actuación exterior. E, nela fará falla unha autorización para executar grandes infraestruturas.

Cómpre subliñar tamén que quedará fóra do ámbito de autorización toda actividade agrícola, desde os viñedos ata outros cultivos tradicionais da zona. Tampouco necesitarán permiso da Xunta todos os traballos de mantemento e conservación que teñen que ver coa viticultura, incluíndo os sistemas de mecanización compatibles coa estrutura actual do terreo.

Comparte