Nova: Quince editoras representan a Galicia na Feira Internacional do Libro Liber en Madrid

03/10/2017

Quince editoras representan a Galicia na Feira Internacional do Libro Liber en Madrid

A Consellería de Cultura apoia a proxección do sector editorial galego na nova edición deste encontro profesional, que se celebra en Madrid do 4 ao 6 de outubro

  • Quince editoras representan a Galicia na Feira Internacional do Libro Liber en Madrid Quince editoras representan a Galicia na Feira Internacional do Libro Liber en Madrid

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2017.- O sector editorial galego participa desde mañá mércores e ata o venres na Feira Internacional do Libro LIBER, un encontro profesional de referencia en toda Europa, que este ano se celebra en Madrid. A Secretaría Xeral de Cultura, en coordinación coa Asociación Galega de Editoras (AGE) poñen ao dispor dos profesionais galegos un stand no que exhibir as últimas novidades para o público, así como no que realizar reunións comerciais que favorezan a internacionalización do sector a través de novas oportunidades de negocio con axentes procedentes de diversos países do mundo.

A cita, consolidada como primeira mostra dedicada ao libro en lingua española en Europa e como principal centro de negocio e intercambio profesional, está aberta a todos os sectores do libro, con especial atención aos contidos dixitais, ás novas editoras, á autoedición e á propiedade intelectual.

O apoio institucional da Xunta verase reforzado mañá mércores, día no que se inaugura a mostra, pola presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo no stand galego.

A ultima vez que o sector galego estivo en LIBER con stand propio foi no ano 2011. Para a súa volta ao certame que este ano se celebra en Madrid, un total de 15 editoriais da comunidade galega contarán cun espazo de 36 m2 para promocionar e difundir as creacións literarias galegas.

Feira profesional

Confirmaron a súa presenza 11 editoriais, Edicións do Cumio, Kalandraka Editora, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Edicións Laiovento, Baía, Nova Galicia Edicións, KNS Edicións, Alvarellos Editora, Edicións Bolanda e Editorial Colex, das que Kalandraka, Nova Galicia e Edicións do Cumio/Arnoia Distribución teñen, ademais, espazos propios na feira. No stand de Galicia exhíbense obras destas editoriais e tamén de Edicións Xerais de Galicia, MC Sports, Bululú e Catro Ventos, xunto con materiais divulgativos sobre o sector editorial galego.

LIBER é unha feira con carácter profesional que promove a Federación de Gremios de Editores de España e organízase alternando a sede, unha convocatoria en Madrid e outra en Barcelona. Este ano LIBER ten lugar en Madrid, organizada polo IFEMA, con Arxentina como país convidado e celebrando o seu 35 aniversario.

Premio ao Fomento da Lectura

No marco das actividades paralelas a LIBER farase entrega dos premios homónimos, concedidos pola Federación de Gremios de Editores de España. Na categoría de Fomento da Lectura en bibliotecas abertas ao público o premio foi para o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros. O xurado destacou a “intensa dedicación” da institución, “chea de actividades nunha área de poboación dispersa”, ademais de destacar os máis de 400 postos de lectura postos a disposición do público e uns fondos bibliográficos “moi salientables”.

Novas oportunidades de negocio no exterior

Para favorecer a internacionalización do sector editorial de Galicia, a Consellería de Cultura e Educación tamén apoiará este ano a participación do libro galego nas feiras internacionais de Frankfurt (do 11 ao 15 de outubro) e de Guadalaxara (México, do 25 de novembro ao 3 de decembro), ademais de ter estado presente xa, con grande éxito, en Buenos Aires (do 25 de abril ao 15 de maio).

 

Comparte