Nova: O retablo da igrexa de San Pedro de Cudeiro xa está totalmente restaurado

03/10/2017

O retablo da igrexa de San Pedro de Cudeiro xa está totalmente restaurado

Cultura investiu preto de 10.000 euros na restauración desta peza do século XVII, de estilo barroco

  • O retablo da igrexa de San Pedro de Cudeiro xa está totalmente restaurado O retablo da igrexa de San Pedro de Cudeiro xa está totalmente restaurado

Ourense, 3 de setembro de 2017.- A directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua, visitou hoxe a igrexa de San Pedro de Cudeiro, onde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de investir preto de 10.000 euros na restauración do retablo. Os traballos acometidos solucionaron os problemas da peza, que presentaba redourados con pan de ouro falso, ataques puntuais de insectos, repintes e algunhas fendas e perdas de volume, entre outras patoloxías.

Os traballos realizados consistiron na limpeza do retablo e a súa desinsectación. Así mesmo, acometéronse tarefas de consolidación, cobertura de fendas, revisión de ancoraxes e reconstrución puntual de volumes. Ademais fixouse a película pictórica e fíxose unha reintegración cromática con acuarelas e po de micas.

De estilo barroco (s. XVII), o retablo está composto por predela, dous corpos e ático. Na parte central pódese contemplar a imaxe da Inmaculada Concepción, á súa dereita a de Santa Bárbara e á súa esquerda a de San Lucas Evanxelista. Pola súa parte, no ático represéntase a Fuxida de Exipto nun relevo.

Na súa visita ao templo a directora xeral estivo acompañada pola delegada da Xunta na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira; e polo alcalde da cidade, Jesús Vázquez Abad.

 

Comparte