Nova: Espazos Sonoros estrea unha obra composta por Pablo Seoane para os órganos de San Salvador de Lourenzá

05/10/2017

Espazos Sonoros estrea unha obra composta por Pablo Seoane para os órganos de San Salvador de Lourenzá

O festival de música e patrimonio promovido pola Consellería de Cultura organiza este sábado unha rolda pola paisaxe organísta do Camiño do Norte, que rematará cun concerto ás 17:30 horas na igrexa de San Salvador

  • Pablo Seoane

Santiago de Compostela, 5 de outubro 2017.- O festival de música e patrimonio Espazos Sonoros propón esta fin de semana unha rolda pola paisaxe organística do Camiño do Norte para descubrir o patrimonio que agocha a ruta xacobea que entra en Galicia a través de Ribadeo para enlazar co Camiño Francés en Arzúa. As persoas inscritas poderán gozar o sábado 7 de outubro dun percorrido que inclúe a visita aos órganos de Vilalba, de Mondoñedo e de Lourezá.

A xornada rematará coa estrea dunha obra composta especificamente por Pablo Seoane para o festival Espazos Sonoros e, concretamente, para os órganos da igrexa de San Salvador de Lourenzá. Alí soará Parábase, unha peza en sete partes que está directamente inspirada na natureza xemelga dos instrumentos nos que se interpretará: dous exemplares únicos dentro da paisaxe organística galega que soarán conxuntamente, por vez primeira en moito tempo, nunha singular experiencia sonora.

O concerto, que dará comezo ás 17:30 horas, tamén contará coa participación do músico Saúl Puga. Previamente, ás 16:30 horas, terá lugar, na mesma igrexa, unha charla previa co autor de Parábase.

Visita ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, e baixo a dirección artística de Belén Bermejo, o festival Espazos Sonoros viaxará na próxima xornada, o mércores 11 de outubro, ata o concello de Ourense, cunha oportunidade única para ver de preto os fondos musicais que alberga o Arquivo Histórico Provincial da cidade, entre eles, os orixinais manuscritos de dúas obras inéditas do capelán de Bohemia Krause.

A xornada rematará ás 20:30 horas no Liceo de Ourense, cun concerto a cargo da soprano Susana de Lorenzo, do pianista Alejo Amoedo e de Abraham Cuperio, á gaita.

O prazo de inscrición para participar nesta actividade está aberto ata o 10 de outubro.

A programación de Espazos Sonoros está accesible para consulta en liña nas páxinas web www.cultura.gal/axenda e en  www.espazossonoros.org 

 

Comparte