Nova: Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo

06/10/2017

Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo

A actividade De Chispa a Tatá forma parte do programa Falaredes. que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina aos concellos da Rede de Dinamización, pensando especialmente no público familiar con rapazada dos catro aos dez anos

Coma sempre, a entrada ás funcións é libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos

  • Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo
  • Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo
  • Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo Os Bolechas achéganse esta fin de semana a Triacastela, Quiroga e Rianxo

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2018.- O 'FalaRedes', programa que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), fará parada esta fin de semana nos municipios de Triacastela, Quiroga e Rianxo. Os protagonistas serán Os Bolechas, os personaxes máis coñecidos pola rapazada galega, que nesta ocasión traen unha nova actividade que leva por nome ‘De Chispa a Tatá. Imos de Moraña a Zas’.

A primeira das citas será o sábado 7, ás 12:30 horas, no concello de Triacastela (Polideportivo do CEIP Eduardo Cela Vila). Ese mesmo día, ás 19:00 horas, haberá outro pase en Quiroga (Auditorio Municipal). Por último, o domingo 8, ás 17:30 horas, os Bolechas estarán no Centro Social de Asados (Rianxo), a través da colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa-Zona Norte.

Ata o 5 de novembro Os Bolechas percorrerán outros 12 municipios: Pazos de Borbén, A Bola, Frades, Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. Toda a información está dispoñible no enlace web http://www.lingua.gal/dechispaatata.

Os seis irmáns bolechas e Chispa no Camiño

Na nova proposta dos Bolechas, Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Coma sempre, a participación non se limita ao día do espectáculo, senón que ten continuidade a través das TIC. Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web osbolechas.gal/dechispaatata para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.

‘FalaRedes 2017’

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no 'FalaRedes', en todas as actividades a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Comparte