Nova: A candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, incluída na lista indicativa española
06/10/2017
A candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, incluída na lista indicativa española
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou a que o resto de institucións, organizacións e asociacións se sumen a esta candidatura conxunta
O conselleiro de Cultura explicou que “se trata dunha moi boa nova para Galicia e para os concellos que forman parte da candidatura”
Vigo, 6 de outubro de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, explicaron hoxe que o Consejo de Patrimonio Histórico Español que se está a celebrar na Rioja aprobou a inclusión da candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas na Lista indicativa, á vista dos informes e ditames. A proposta, que fora tramitada a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, foi aprobada por unanimidade para a incorporación da devandita candidatura na categoría de ben natural.
O seguinte paso no proceso é que o Ministerio de Educación, Cultura, e Deporte lle comunique ao Centro do Patrimonio Mundial da UNESCO que a proposta de Illas Cíes-Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia está aprobada para que a inclúa na Lista indicativa global e permanecer na lista un ano –requirimento da propia UNESCO–, antes de poder seguir co procedemento.
Neste sentido, Alfonso Rueda, explicou que este novo paso é o resultado dun traballo serio, eficaz e continuo no tempo. Ademais, considerou que a unidade e o esforzo conxunto constituíron unha das chaves fundamentais para acadar este logro, polo que apelou a que o resto de institucións, organizacións e asociacións se sumaran a esta candidatura.
Así, o Goberno galego, á canda dos concellos de Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, continúa acadando pasos positivos para lograr a desexada inclusión das Cíes e o resto dos arquipélagos que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Neste sentido o conselleiro de Cultura invitou a deixar de lado a confrontación porque “non ten ningún sentido fragmentar a unidade”.
Román Rodríguez afirmou que se trata “dunha moi boa nova para Galicia no seu conxunto e tamén para os concellos que forman parte da candidatura: Vigo, Bueu, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, así como para as Illas Cíes e o conxunto do Parque Nacional Illas Atlánticas”. Lembrando que, de concretarse a declaración, desfrutarán dos efectos positivos en termos sociais, económicos e de xeración de emprego, que adoitan vir aparellados á declaración de Patrimonio Universal. En palabras do conselleiro, entramos nunha nova fase “pola que queda patente que este camiño non ten retorno. A candidatura está situada nun carril gañador”.
Finalmente, o conselleiro de Cultura avogou por resolver calquera malentendido e avanzar conxuntamente, lembrando que “Galicia non se entende sen Vigo nin Vigo se entende sen Galicia”.
Proceso técnico
Logo de que o pasado mes de maio se remitira por parte do Executivo galego ao Ministerio de Cultura a documentación preceptiva, seguindo os modelos normalizados pola UNESCO para xustificar o valor universal excepcional da candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, o grupo de traballo, conformado por técnicos das CC.AA., ICOMOS e o Ministerio, emitiu xa o pasado setembro, e por por unanimidade, un ditame favorable. En base a ese ditame o Consejo de Patrimoniio Histórico Español vén de determinar hoxe a inclusión na Lista indicativa da proposta galega, que se ten amosado en todos os pasos dados até o momento como “sólida e rigorosa”, en palabras de Román Rodríguez.
Candidatura integradora e de consenso
Cómpre salientar que a Xunta de Galicia quere buscar un acordo dialogado arredor dunha candidatura integradora e de consenso, que recoñecendo o valor singular das Cíes, propón o conxunto do Parque Nacional como un todo. Precisamente, unha das grandes fortalezas desta candidatura son os traballos feitos e a existencia dunha unidade de xestión que xa actúa na salvagarda dos valores deste ben natural.
Neste sentido, fixéronse as xestións precisas no Ministerio para modificar o nome e reformular a candidatura, inicialmente elaborada pola Consellería de Medio Ambiente, introducíndose as achegas feitas desde os concellos con titularidade administrativa sobre os arquipélagos incluídos no Parque das Illas Atlánticas.