Nova: Dhogs convértese na primeira longametraxe en galego proxectada no festival de Sitges

09/10/2017

Dhogs convértese na primeira longametraxe en galego proxectada no festival de Sitges

A Xunta apoia a estrea do filme Dhogs no 50º Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges

A Agadic subvencionou a produción da ópera prima de Andrés Goteira, ademais de colaborar na súa promoción exterior a través das axudas para a difusión do cinema galego en mostras de prestixio

Jacobo Sutil asiste hoxe á proxección en competición oficial da que é a primeira longametraxe en galego que se exhibe neste certame

  • Un fotograma de Dhogs Un fotograma de Dhogs
  • Jacobo Sutil asiste hoxe á proxección en competición oficial da que é a primeira longametraxe en galego que se exhibe neste certame Jacobo Sutil asiste hoxe á proxección en competición oficial da que é a primeira longametraxe en galego que se exhibe neste certame
  • Jacobo Sutil asiste hoxe á proxección en competición oficial da que é a primeira longametraxe en galego que se exhibe neste certame Jacobo Sutil asiste hoxe á proxección en competición oficial da que é a primeira longametraxe en galego que se exhibe neste certame

Sitges (Barcelona), 9 de outubro de 2017.- O Sitges Film Festival (Festival Internacional de Cine Fantástico de Cataluña) acolleu este mediodía a estrea española da película Dhogs, na que é ademais a primeira vez que este recoñecido certame proxecta unha longametraxe en galego nos seus cincuenta anos de historia.

A Xunta de Galicia colabora na promoción exterior da ópera prima do realizador Andrés Goteira a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á difusión exterior do cinema galego en mostras de prestixio nacional e internacional, mediante as que tamén apoiou a súa estrea mundial na pasada edición do BAFICI de Bos Aires, celebrada en abril. Así se recolle na primeira quenda de adxudicacións ao abeiro desta convocatoria de axudas, que acaba de ser publicada no web www.agadic.gal.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o equipo da película –encabezado por Andrés Goteira e a actriz protagonista, Melania Cruz– no seu primeiro pase en Sitges, que tivo lugar no Auditori Melià da localidade barcelonesa dentro da sección a competición. Hoxe e mañá levaranse a cabo, ademais, diferentes accións promocionais arredor desta coprodución das empresas galegas Gaitafilmes e Pixel Films, como o cóctel que se ofrecerá esta tarde no Hotel Estela Barcelona. Mañá desenvolveranse un fotocol e unha rolda de prensa, actos nos que, xunto co director, participarán os actores María Costas, Xosé López e Iván Marcos.

Subvencións ao talento audiovisual

Co seu percorrido polo circuíto de festivais e a súa posterior estrea en salas culmina o proceso de produción de Dhogs, que contou tamén cunha subvención de 30.000 euros, concedida en 2015 a través da convocatoria de axudas da Agadic á promoción e desenvolvemento do talento audiovisual galego.

Melania Cruz, Miguel de Lira e Antonio Durán “Morris” encabezan o reparto deste thriller, definido pola revista Sight&Sound como “un arrepiante experimento ao Haneke, que produce un impacto desgarrador irreversible no espectador”. Dhogs, que busca reflectir a realidade social máis escura, arranca cando un estraño personaxe cruza as rúas da cidade ao volante dun taxi ao tempo que a protagonista toma a última copa nun luxoso hotel, allea á espiral de violencia na que se verá envolta nas horas seguintes.

Despois da súa estrea no BAFICI, a película exhibiuse tamén no Fright Fest de Londres ou no Split Film Festival de Croacia, onde acadou o premio á mellor longametraxe. Tras o seu paso por Sitges, ten xa confirmada a súa participación no Ourense Film Festival (OUFF) e no Nocturna Film Festival de Madrid, entre outros certames.

Comparte