Nova: A Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL programará 11 filmes e documentais en Santiago

11/10/2017

A Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL programará 11 filmes e documentais en Santiago

A Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL volve ás salas galegas coa colaboración da Consellería de Cultura 

O secretario xeral de Cultura participou na presentación da décimo quinta edición do certame, que se celebrará en Santiago de Compostela do 23 ao 27 de outubro

Once filmes, documentais e de ficción, atraerán o interese dun público que se incrementa en cada edición

  • Un fotograma de Wajib, de Annemarie Jacir Un fotograma de Wajib, de Annemarie Jacir

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a décimo quinta edición da Semana Internacional de Cine Euroárabe AMAL, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 23 e o 27 de outubro. A implicación da Xunta de Galicia nesta cita ratifica a aposta do Goberno galego por enriquecer a oferta cultural e contribuír ao establecemento dunha programación estable e de calidade nas salas galegas, neste caso no compostelán Teatro Principal.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta mañá na presentación da programación da edición 2017 de AMAL, na que afirmou que “este festival audiovisual permite un encontro entre as culturas árabe e europea, tendendo pontes a través da linguaxe universal do cine”. Tamén puxo en valor a proxección de traballos que non teñen cabida no circuíto comercial convencional, así como a reflexión que ofrece sobre as diversas realidades sociais dos territorios árabes. En referencia á programación deste ano, asegurou que a calidade das 11 cintas, entre documentais e ficción, que ofrece AMAL constitúen o mellor reclamo para un público que medra en cada nova edición.

Na rolda de prensa desta mañá participaron, ademais do secretario xeral de Cultura, o presidente da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e director da Semana AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, e a concelleira de Acción Cultural do concello de Santiago, Branca Novoneyra.                                                                                                                               

Once proxeccións

Do 23 ao 27 de outubro, AMAL ofrecerá 11 proxeccións no Teatro Principal de Santiago, entre as que se inclúen tanto cintas de ficción como documentais. No marco deste último xénero, na sesión inaugural do ciclo estrearase Nacido en Siria, na que o documentalista arxentino Hernán Zin reflexiona, a través da mirada de sete nenos, sobre a situación dos refuxiados que, fuxindo da guerra, buscan un novo futuro en Europa. O filme irá precedido dunha charla coloquio con Ghaleb Jaber Ibrahim.

Así mesmo, o festival ofrecerá a premier en España do filme palestino Wajib, de Annemarie Jacir. O título da cinta fai referencia ao termo que indica unha obriga relixiosa feita pola deidade e aborda a historia dun pai e o seu case descoñecido fillo que teñen que entregar xuntos os convites da voda da súa filla e irmá, segundo o costume palestino.

Proxectaranse tamén Fuego en el mar, Alí, la cabra e Ibrahim, Gaza Surf Club, La Haine, Clash, Letters from Baghdad, Los caballos de Dios, Headband Lullaby e Cairo Jazzman.

 

Comparte