Nova: O CGAC acolle a primeira mostra de Eduardo Batarda fóra de Portugal

11/10/2017

O CGAC acolle a primeira mostra de Eduardo Batarda fóra de Portugal

A mostra Mise en Abyme está comisariada polo tamén artista portugués Julião Sarmento e poderá verse no CGAC ata o 21 de xaneiro de 2018

  • Unha mostra do traballo de Eduardo Batarda Unha mostra do traballo de Eduardo Batarda

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2017.- O Centro Galego de Arte Contemporánea abre hoxe as portas da exposición Mise en Abyme, do pintor Eduardo Batarda (Coimbra, 1943), un dos artistas máis recoñecidos de Portugal. Trátase da primeira mostra individual do pintor fóra do seu país, que reúne un total de 60 obras, algunhas delas nunca mostradas en público, que abranguen diferentes períodos de creación do artista e representan case catro décadas do seu traballo como pintor.

A exposición está comisariada por Julião Sarmento, que é, á súa vez, un dos artistas portugueses con maior proxección internacional. “Poucas persoas como Sarmento, amigo, admirador e coleccionista do traballo de Batarda poden achegar unha visión tan implicada da súa obra”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de presentación da exposición, na que estivo acompañado do propio comisario e do director do CGAC, Santiago Olmo.

A obra de Eduardo Batarda

O título da exposición Mise en abyme, que chega a España tras o seu paso o ano pasado por Lisboa, adopta esa expresión francesa en alusión á idea da infinita repetición de imaxes que fan que unha narración estea imbricada dentro doutra, reforzando a idea de que sempre hai un elemento subxacente na obra do artista.

As obras de Batarda funcionan como inscricións enigmáticas que hai que descodificar e, para iso, a actitude do receptor resulta fundamental. Como explicou Anxo Lorenzo, “a pintura de Batarda disfrázase de lixeireza no tratamento dos temas que, no entanto, retratan a sociedade e a arte portuguesas con precisión”.

Biografía

Eduardo Batarda naceu en Coimbra (Portugal) en 1943. Estudou pintura na Escola Superior de Belas Artes de Lisboa nos anos sesenta e entre 1971 e 1973 asistiu ao Royal College of Art a partir dunha bolsa concedida pola Fundação Calouste Gulbenkian. De 1976 a 2008 foi profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade do Porto. Desde a súa primeira exposición individual, en 1968, exporá regularmente o seu traballo. Destacan, entre outras, as retrospectivas realizadas polo Centro de Arte Moderna de Lisboa en 1998 e o Museu de Serralves do Porto en 2011, organizada co gallo do premio EDP a toda a súa traxectoria que lle foi concedido non 2007.

Actividades relacionadas coa exposición

O CGAC organiza unha serie de actividades relacionadas coas exposicións que conviven no museo. Así, todos os sábados, ás 12.00 h, realízanse visitas guiadas por mediadoras especializadas en arte, para estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte. As visitas son gratuítas e non se require cita previa.

Ademais, baixo o comisariado de Vertixe Sonora, novos autores do panorama internacional compoñen obras orixinais a partir das exposicións, artistas e obras do Centro Galego de Arte Contemporánea. O martes 17 de outubro, ás 20:30 h. no auditorio do CGAC, terá lugar un concerto dedicado á exposición de Eduardo Batarda.

Comparte