Nova: A Pobra do Caramiñal recorda a Valle-Inclán no mes no que se celebra o aniversario do nacemento do escritor

11/10/2017

A Pobra do Caramiñal recorda a Valle-Inclán no mes no que se celebra o aniversario do nacemento do escritor

A Consellería de Cultura colabora co programa de actividades das XIX Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que se vai prolongar ata o sábado 28 de outubro

  • Ramón María del Valle-Inclán Ramón María del Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal, 11 de outubro de 2017.- A Pobra do Caramiñal lembra o seu escritor máis ilustre, Ramón María del Valle-Inclán, no mes no que se celebra o aniversario do seu nacemento. A XIX edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán, que contan coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, aglutinan unha variada programación cultural que combina actividades para todos os públicos e idades, como exposicións, presentacións de publicacións, teatro, recitais ou concertos.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, lembrou esta mañá durante a presentación os actos de conmemoración do 150 aniversario do escritor, que se prolongaron ata ben entrado este ano “para compartir unha perspectiva súa máis completa” e coñecer o seu universo literario, que “reflicte con tanta claridade as terras de Arousa, as súas paisaxes e a forma de ser das súas xentes”.

No acto de presentación das xornadas estiveron tamén presentes o alcalde da Pobra de Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e mais a concelleira de Cultura e Educación do concello, Genoveva Hermo.

Outubro para Valle-Inclán

As actividades das xornadas deron comezo xa o pasado sábado, coa presentación da edición dun manuscrito inédito de Carlos Luís del Valle-Inclán y Malvido, avó paterno do escritor. Ata o último sábado do mes, cando Quico Cadaval poñerá en escena O rei e o bufón nas Comedias Bárbaras, obras de teatro, monicreces, concertos e homenaxes sucederanse na Pobra de Caramiñal para “manter viva a memoria do autor e espertar a curiosidade polas súas obras”, como afirmou o secretario xeral de Cultura.

A Consellería de Cultura e Educación vén colaborando cos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa na difusión e na posta en valor da obra de Valle-Inclán a través de diversas iniciativas, co fin de achegarlle á cidadanía o seu legado literario.

Comparte